O Parlamento aproba a eliminación do voto rogado, defendendo un sistema áxil, seguro e transparente para os residentes no exterior

05 Dec 2018
Santiago, 5 de decembro de 2018. O Parlamento de Galicia aprobou, co único voto en contra do BNG, a proposición non de lei presentada polo Grupo Popular para a supresión do voto rogado para os electores no exterior, solicitando ao Goberno do Estado e tamén aos grupos políticos do Congreso, no marco dos traballos da Subcomisión para a reforma electoral, a modificación da Lei de Réxime Electoral Xeral coa eliminación do rogo do voto combinando todas as posibilidades de participación electoral que sexan posibles e simplificando o procedemento en beneficio da eficiencia e a axilidade.
 
 

 

A deputada popular Raquel Arias afirmou que o sistema que substitúa ao voto rogado “ten que ser o máis semellante posible ao dos residentes no Estado en canto a garantías, dereitos e facilidades”. “Estamos falando dun dereito constitucional de todos os españois e galegos a elixir aos seus representantes políticos, independentemente de onde vivan”, lembrou.
 

 

 

Raquel Arias amosouse contundente na defensa dun sistema de votación con garantías. “A seguridade, a transparencia e a limpeza do voto exterior é irrenunciable, pero esa seguridade debe ser compatible coa axilidade e a eliminación de barreiras para os electores”, explicou a deputada, que puxo especial énfase en desbotar o regreso ao sistema previo á reforma de 2011, “que estaba sendo continuamente cuestionado e ensombrecido polas dúbidas e a fraude”.
 
 

 

SOBRECARGA BUROCRÁTICA
 
 

 

A Lei Orgánica de Réxime Electoral xa sufrira cambios na reforma do ano 2011 impulsada polo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, que deron lugar ao actual método do voto rogado e que tiñan como principal obxectivo rematar coa fraude. Un modelo que, na práctica, “dificulta e nalgúns casos imposibilita a votación” explicou Arias.
 

 

 

O actual sistema obriga ao elector a solicitar o voto a través do consulado enviando un formulario á Xunta Electoral correspondente vía correo, fax ou internet, agardando a remisión, neste caso por correo postal, do certificado do censo e das papeletas. Posteriormente, o elector pode enviar o seu voto por carta ou depositalo en urna no Consulado, se dispón desa posibilidade.
 

 

 

Esa “sobrecarga burocrática, e a excesiva dependencia dos servizos postais dos respectivos países” converteu o exercicio do voto “nunha carreira de obstáculos”, segundo Arias. Así, en anteriores convocatorias de eleccións déronse centos de casos “de extravío de papeletas, que non chegaron ao votante ou mesmo que as recibiu semanas ou meses despois”.
 

 

 

De feito, tal e como explicou a deputada, a abstención do voto da diáspora incrementouse de xeito alarmante dende o 2011. Así, mentres a participación nas eleccións autonómicas de 2009 foi do 22,6 por cento, no 2016 caeu ata o 2,4 por cento a porcentaxe total de galegos do exterior que finalmente conseguiron votar. No caso dos comicios xerais, a participación pasou dun 32 por cento no 2008 a un 6 por cento no 2016.
 

 

 

“A colectividade da diáspora segue reclamando a día de hoxe poder elixir con seguridade, pero tamén con máis facilidade, aos representantes públicos dun territorio co que aínda ten vínculos emocionais, persoais, territoriais, sociais, culturais ou económicos”, engadiu.
 

 

 

VOTO EN URNA XERALIZADO
 

 

 

O eixo fundamental da proposta do Grupo Popular é a normalización do voto en urna, multiplicando os puntos de depósito de voto, de xeito que, ademais dos consulados, colocaríanse urnas nos consulados honorarios, casas rexionais, casas de España, sedes do Instituto Cervantes e outros espazos habilitados. “Sempre coas máximas garantías democráticas”, matizou Arias. Deste xeito, as urnas estarían custodiadas por funcionarios do Estado español e os electores da diáspora disporían das papeletas nos seus países de residencia.
 

 

 

O voto rogado manteríase como unha opción válida para aquelas persoas que non poidan achegarse aos lugares establecidos, coma no caso dos enfermos ou impedidos.
 
 


O Grupo Popular tamén reclama que se faga chegar a documentación con maior antelación e que se amplíe o número de días para a votación, pasando de 3 a 7, así como actualizar permanentemente o Censo de Españois Residentes Ausentes (CERA).

Síguenos nas redes sociais