O Parlamento demanda a incorporar a perspectiva de xénero nas medidas de mellora das condicións de traballo no sector de aloxamento turístico

04 Dec 2018
Santiago, 4 de decembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción acordada entre os grupos Popular, Socialista e En Marea, unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno do Estado que continúe co estudo e as medidas que leva a cabo en relación ás condicións de traballo que se dan no sector de aloxamento turístico, particularmente nos hoteis, incorporando a perspectiva de xénero.
 
Así mesmo, solicítase que se impulse o diálogo social entre a patronal e as organizacións sindicais para mellorar a calidade do emprego no sector turístico, con especial fincapé en posibles colectivos en risco por prexuízos de xénero.
 
 

 

A proposición non de lei incorpora, ademais, que o Goberno central se reúna cos representantes do sector turístico para crear un grupo de traballo específico en materia de xénero, que impulse medidas no ámbito da sensibilización, da formación e da aplicación de criterios de contratación que protexan aos colectivos en risco.
 

 

 

Tamén se pide ao Goberno central que aumente o número de inspectores de traballo na Seguridade Social de Galicia, en consonancia co contemplado no Plan Director por un emprego digno; así como as inspeccións que se leven adiante no sector turístico e que afectan ás condicións das traballadoras.
 

 

 

Por último, a proposición non de lei demanda que se inicie e axilice o procedemento de análise das condicións de traballo do sector turístico, de cara a posibilitar o recoñecemento da xubilación anticipada en función da natureza do traballo das camareiras de piso.
 

 

A portavoz de Turismo, Cristina Romero, amosou “a nosa preocupación e sensibilidade sobre a situación laboral das mulleres que traballan como camareiras de piso”, pero concretou que con este proposición non de lei a oposición “está a trasladar a Galicia unha casuística e unha problemática que se está dar con intensidade noutras comunidades autónomas onde hai unha industria turística máis potente e máis vinculada ás grandes cadeas hoteleiras”.
 
 

 

Neste sentido, lembrou que foi o Goberno do PP presidido por Mariano Rajoy “o primeiro que recibiu, escoitou e comprometeu coas kellys en mellorar as súas condicións laborais; o que constituíu a Mesa pola calidade do emprego do sector da hostelería, para tratar cuestións que lle afectan como a estabilidade no emprego, a formación, o regulamento do tempo de traballo ou a seguridade e saúde laboral”.
 
 


“A Xunta incorporouse a esa mesa de traballo, aínda sen ter competencias, para analizar en profundidade as enfermidades profesionais que afectan a estas traballadores, e para avanzar na prevención ás mesmas”, apuntou. Deste xeito, apuntou que “hoxe estas traballadoras teñen recoñecidas lesións nas mans e brazos como enfermidades profesionais, así como a valoración doutras doenzas que padecen e que teñen unha orixe profesional”. 

Síguenos nas redes sociais