Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Grupo Popular apoia solicitar ao Goberno central que realice os trámites necesarios para a declaración como BIC da Ponte de Cruzul en Becerreá

27 Nov 2018
Santiago, 27 de novembro de 2018.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se reitera ao Goberno central que realice os trámites necesarios para a declaración da Ponte de Cruzul en Becerreá como ben de interese cultural.
 
 
“Trátase dunha peza única do neoclasicismo na provincia de Lugo e unha das infraestruturas de maior valor do Camiño Real, polo que consideramos que este ben, que forma parte do inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, merece a súa declaración como BIC”, sinalou a deputada Encarna Amigo.
 
 

 

Na súa intervención, Amigo lembrou que, ao formar parte do inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, a Ponte de Cruzul “ten garantido que se evite a súa desaparición, baixo a responsabilidade do Concello de Becerreá e da Xunta, que debe autorizar calquera intervención que o afecte”.
 
 

 

“A declaración desta ponte como ben de interese cultural é máis complexa porque, segundo se recolle na Lei 16/1985 do patrimonio histórico español, é competencia exclusiva do Goberno do Estado xa que se trata dun ben de titularidade estatal adscrito ao servizo público de estradas, dependente na actualidade do Ministerio de Fomento”, explicou.
 
 

 

TRASLADO DO EXPEDIENTE
 
 

 

A deputada popular asegurou que “a Xunta atendeu as demandas realizadas tanto polo Concello como por outras organizacións, como o colectivo Patrimonio dos Ancares solicitando que se afonde na protección da Ponte de Cruzul coa súa declaración como BIC, trasladando ao Goberno central o expediente desta ponte para que se iniciaran os trámites para a súa declaración”.
 

 

 

“A Xunta ofrece a súa colaboración técnica para completar e fundamentar o expediente obxecto da declaración, demostrando a súa vontade expresa de afondar na protección da Ponte de Cruzul, pero ata o de agora esa solicitudes non foron atendidas pola Administración do Estado”, engadiu.
 

Síguenos nas redes sociais