Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento demanda o estudo no Pacto de Toledo da incapacidade permanente durante todo o tratamento de enfermidades crónicas graves

12 Nov 2018
Santiago, 8 de novembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, coa única abstención do BNG, a través da que se demanda ao Goberno do Estado que traslade ao Pacto de Toledo a necesidade de estudar a consideración de situación de incapacidade permanente a toda persoa que sexa diagnosticada dunha enfermidade crónica grave, nomeadamente oncolóxica, durante todo o período que demore o proceso de tratamento, e as alternativas posibles para facilitar a reincorporación ao posto de traballo cando acade a curación definitiva.
 
 

 

O portavoz de Sanidade, Aurelio Núñez Centeno, manifestou que “a incapacidade permanente, nos seus distintos graos, non se pode referir a ningunha enfermidade, senón á valoración da incapacidade que produce para o traballo habitual ou a necesidade de axuda por parte de terceiras persoas”.
 
 

 

DIMINUCIÓN DAS SECUELAS
 
 

 

“Os avances na medicina incorporados á sanidade pública, tanto no eido da prevención, do diagnóstico precoz, no tecnolóxico como no farmacolóxico ou médico-cirúrxico, teñen producido unha diminución importante das secuelas en moitas enfermidades crónicas graves, nomeadamente as de tipo neoplásico”, apuntou.
 
 

 

Núñez Centeno salientou que “esta mellora da situación provoca que persoas traballadoras afectadas por estas enfermidades, que ata hai poucos anos conducían a incapacidades absolutas ou á morte, poidan agora reincorporarse á vida laboral, aínda que en ocasións, afortunadamente cada vez menos, con longos períodos de tratamento e convalecencia”.
 
 

 

Porén, sinalou que “estas persoas atópanse na actualidade cunha difícil situación cando rematan o tempo da incapacidade temporal e pasan á situación de incapacidade permanente, que é revisable por agravamento pero tamén por melloría”.
 
 

 

MARCO DE DIÁLOGO E CONSENSO
 
 

 

Esta incapacidade laboral xera unha reserva de posto de traballo durante dous anos dende o momento da súa concesión, “tempo que ás veces pode resultar insuficiente para chegar á curación destas persoas con enfermidades crónicas graves e á súa posible reincorporación ao mercado laboral, aínda que afortunadamente cada vez hai mais supervivencia, mais curacións en menor prazo de tempo e menos secuelas da enfermidade e dos tratamentos”, manifestou Aurelio Núñez.
 
 


Na súa intervención, o portavoz popular concretou que “as posibles solucións a esta situación deberan ser estudadas no Pacto de Toledo, xa que é o marco xeral de diálogo e consenso político sobre as reformas do funcionamento da Seguridade Social e no que é posible chegar a acordos de grande complexidade e repercusión social, tal e como se vén de facer hai recentemente co sistema de pensións de xubilación”.

Síguenos nas redes sociais