Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O PPdeG celebra que o paro descenda a nivel interanual de forma significativa entre os colectivos máis vulnerables

05 Nov 2018

5, novembro, 2018.  O  secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, celebrou esta mañá, logo de publicarse os datos do paro de outubro, que o desemprego descenda a nivel interanual de forma significativa entre os colectivos que teñen máis dificultades para atopar un traballo. De feito, nos menores de 30 anos prodúcese unha baixada do 9,99%; nos parados de longa duración do 9,45% -a metade das persoas que saíron do paro no último ano pertencían a este colectivo-; e nas mulleres do 7,15%.

 

Logo de destacar tamén o descenso a nivel interanual do desemprego nas catro provincias e en todos os sectores de actividade, Tellado puxo en valor que o paro baixe a maior ritmo que no Estado así como o aumento das afiliacións e a contratación indefinida –o incremento deste tipo de contratos tamén é maior que a nivel nacional- e a tempo completo. “Galicia crea máis emprego e de maior calidade que España, unha mostra máis do que supón estar gobernados pola estabilidade, como ocorre na nosa Comunidade, fronte estar gobernados pola improvisación constante, que é o que acontece co Goberno do país”, subliñou.

 

Nese senso, lamentou que o presidente do Executivo nacional, Pedro Sánchez, demostre cada vez que ten oportunidade que “só lle importa un emprego en todo o país, que é o seu propio”. “Por sorte, nin sequera a chegada de Sánchez foi capaz de destruír tan rápido a solidez da economía e do emprego en Galicia”, engadiu.

 

CREAR EMPREGO E  MELLORAR A CALIDADE DE VIDA

Como indicou o número dous dos populares galegos, Galicia continúa polo bo camiño na creación de emprego e así o ratifican os datos coñecidos hoxe, que sitúan á Comunidade a niveis de paro de hai dez anos, e hai uns días a través da EPA, que foi a mellor deste Goberno desde a súa chegada en 2009.

 

Conscientes de que aínda queda moito por facer e lonxe de conformarse, recoñeceu que o Goberno galego seguirá traballando para cumprir cos obxectivos da Axenda 20, por iso reforzaron o orzamento de 2019 en materia de emprego e formación nun 7% -ata chegar aos 255,5 millóns de euros- para seguir creando máis e mellores postos de traballo, dando resposta a través dunha formación dual e flexible aos retos do futuro.

 

Ademais, Tellado fixo fincapé no empeño dos populares por mellorar a calidade de vida dos galegos para o que é preciso continuar creando máis emprego estable a través da mellora da competitividade do noso tecido empresarial.

 

Sobre isto, destacou que en 2019 seguiranse impulsando programas pioneiros que xa se puxeron en marcha e que están dando bos resultados como as Unidades Formativas na Empresa; activarase un novidoso plan que dará unha segunda oportunidade aos mozos sen cualificación para o que se investirán nove millóns de euros co obxectivo de beneficiar a 1.000 persoas ao ano; ademais de continuar prestando maior atención aos colectivos que máis o precisan como son as mulleres, a mocidade, os parados de longa duración e as persoas en risco de exclusión social.

Síguenos nas redes sociais