Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento reclama ao Goberno do Estado que solucione a situación dos xubilados retornados de Venezuela, sen pensión dende o 2015

17 Out 2018
Santiago, 17 de outubro de 2018. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno do Estado o pagamento de complementos de mínimos ou pensións non contributivas aos xubilados galegos retornados de Venezuela, aos que o Goberno de Nicolás Maduro non lles fai efectivas as súas pensións dende decembro de 2015. “A situación é desesperante para preto de 4.000 galegos que levan case tres anos sen percibir os ingresos que lles corresponden”, explicou a deputada popular Raquel Arias.
 
 

 

Ata o de agora, os criterios para a concesión destas prestacións impedían que os xubilados retornados obtivesen axuda económica por parte do Goberno central, xa que se tiñan en conta os dereitos recoñecidos en lugar dos ingresos percibidos.
 
 

 

PENSIÓNS COMPATIBLES CON PRESTACIÓNS
 
 

 

Desta maneira, para axudar aos pensionistas galegos de Venezuela era necesario facer unha modificación lexislativa na que se pasasen a contabilizar os ingresos reais. Pero na actualidade, despois da reexpresión da unidade do sistema monetario e a unificación do tipo de cambio DICOM, as pensións que deberían percibir os galegos retornados roldarían os 30 euros mensuais, de forma que xa non é preciso afrontar ese cambio normativo debido a que o reducido importe das pensións recoñecidas, a pesar de seguir sen facerse efectivas, é compatible coa obtención dunha prestación.  
 

 

 

“Uns galegos que, volvendo, o que queren é mellorar as súas condicións de vida e, en moitos casos, incluso preservar a súa vida saíndo dun país represivo, sen liberdades, onde se vulneran continuamente os dereitos humanos e instalado nun estado de emerxencia social e humanitaria que se agudiza cada día ata niveis insoportables”, manifestou Raquel Arias, que lembrou que dos 6.202 galegos que volveron a Galicia no 2017, 2.163 procedían de Venezuela, incrementándose nun 351% dende o ano 2009.
 

 

 

Na iniciativa, aprobada por unanimidade, acordouse “instar á Xunta a solicitar ao Goberno do Estado que tome as medidas oportunas para solucionar a situación que están a vivir todos os emigrantes retornados de Venezuela, que teñen recoñecida unha pensión polo Goberno venezolano pero que non se lles está facendo efectiva dende hai case 3 anos, mediante a concesión do complemento de mínimos ou a prestación non contributiva que lles puidese corresponder por parte do Estado español”. Ademais, incorporouse unha emenda do Grupo Socialista que recollía puntos xa aprobados no pleno do Parlamento do pasado 5 de xuño.
 
 

 

DESIGUALDADE
 

 

 

Arias lembrou que a Secretaría de Estado de Migracións comunicou recentemente que recoñecerá unha pensión asistencial por ancianidade a 300 españois retornados, unha medida “ridícula tendo en conta que en España contabilízanse preto de 9.000 pensionistas chegados de Venezuela que non perciben prestación, e case 4.000 son galegos”, sinalou Raquel Arias. “Falamos do 3% de retornados españois, e nin sabemos a cantos galegos beneficiará”, engadiu. “Non nos podemos conformar nin permitir que haxa galegos de primeira e de segunda”, dixo a deputada popular.
 
 


Arias lembrou que “a Xunta si está apoiando, dentro das súas competencias, aos galegos do exterior, tanto aos que residen en Venezuela como aos que volveron a Galicia”. Así, ademais das medidas adoptadas pola Consellería de Política Social, a Secretaría Xeral de Emigración destinou 1,8 millóns de euros a axudas asistenciais extraordinarias, a emprendedores retornados, bolsas para estudos, axudas individuais para cubrir necesidades básicas, para a compra de medicamentos ou colaboración a través convenios con entidades do país venezolano, medidas das que se beneficiaron unhas 2.500 familias. No 2018 o orzamento previsto é dun 22% máis, ata chegar aos 2,2 millóns.

Síguenos nas redes sociais