Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Grupo Popular avoga porque Xunta e persoal dos PAC cheguen pronto a un acordo e a folga non xere problemas asistenciais á cidadanía

17 Out 2018
Santiago, 17 de outubro de 2018.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, avogou hoxe porque a Xunta e os traballadores dos puntos de atención continuada (PAC) “cheguen pronto a un acordo e a folga non xere problemas asistenciais á cidadanía que afecten á súa saúde”. Neste sentido, lembrou que a Consellería xa aceptou no mes de setembro o abono de dietas de domingo e festivo, tanto de comida como de cea; a eliminación de obxectivos da porcentaxe de derivación hospitalaria; e a dotación aos profesionais de equipos de protección individual, cuestións que hoxe demandaba En Marea nunha proposición non de lei debatida na Comisión 5ª.
 
 

 

Aurelio Núñez lembrou que “todos os traballadores públicos galegos tivemos que sufrir as consecuencias da crise económica nas nosas retribucións e condicións laborais a causa das medidas tomadas polos gobernos centrais e autonómico para paliar a crise”. “Pero tamén é certo que se teñen reposto moitos destes dereitos que se perderan: devolución de pagas extras, recuperación dos complementos das mesmas, días de libre disposición, días adicionais de vacacións, incrementos salariais, OPEs, Plan de Estabilidade, Pacto de Contratación, concursos de traslados abertos e permanentes, subidas salariais, ou a carreira profesional”, engadiu.
 
 

 

Ademais das demandas do persoal dos PAC xa atendidas pola Consellería de Sanidade o pasado mes de setembro, Núñez Centeno apuntou que “tamén se están a estudar nas reunións que se están mantendo as diferentes variables asistenciais que puideran xustificar un  incremento de prazas, a pesar de que non é un problema xeneralizado da maioría dos puntos de atención continuada”.
 
 

 

Neste sentido, o portavoz popular explicou que “o persoal dos PAC viu incrementado o seu número de efectivos en 110 profesionais entre os anos 2008 e 2018, dos que 51 foron facultativos médicos e 59 persoal de enfermería”, ao tempo que se estableceu que todos os PAC estean atendidos polo menos por un equipo completo de médico e enfermería.
 
 


“Negociar non é impoñer e é necesario chegar a acordos polas dúas partes”, indicou Aurelio Núñez, quen sinalou que “onte mesmo representantes dos traballadores foron recibidos pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, manifestando o compromiso da Administración de seguir negociando”.

Síguenos nas redes sociais