Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Grupo Popular defenderá no Pleno que o Goberno central poña en marcha as compensacións para as industrias electro-intensivas

16 Out 2018
Santiago, 16 de outubro de 2018.- O Grupo Popular defenderá no Pleno ordinario da vindeira semana que o Goberno central poña en marcha, antes de que finalice a anualidade orzamentaria de 2018, as compensacións previstas nos orzamentos por importe de 150 millóns de euros polos custos adicionais incorridos polas industrias electro-intensivas, ao tempo que implante nas contas para 2019 e os seguintes anos un novo réxime de compensación por estes custos adicionais incluídos no prezo da electricidade pagados por estas empresas.
 
Así mesmo, o Grupo Popular reclamará ao Ministerio de Pesca que desenvolva unha estratexia de comunicación sobre as medidas adoptadas polas autoridades sanitarias para diminuír as infeccións co parásito do anisakis.
 
 

 

Logo da reunión da Xunta de Portavoces celebrada esta mañá, a orde do día da sesión plenaria da vindeira semana incluirá a designación dos tres deputados do Parlamento de Galicia que defenderán no Pleno do Congreso a proposición de lei orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Comunidade galega.
 
 

 

O portavoz popular, Pedro Puy, avanzou que “o Grupo Popular procederá á designación de un só deputado, deixando os outros dous representantes da Cámara galega para a súa elección polos grupos da oposición”.
 
 

 

Dentro do apartado de proposicións non de lei que se debaterán no Pleno, o Grupo Popular defenderá que o Goberno central poña en marcha, antes de que remate a actual anualidade orzamentaria, as compensacións por importe de 150 millóns de euros consignadas nos orzamentos de 2018 polos custos adicionais incorridos polas industrias electro-intensivas, de xeito que podan alcanzar as mesmas condicións competitivas que as súas principais competidoras europeas.
 

 

 

Así mesmo, demándase que para 2019 e os anos seguintes se implante un novo réxime de compensación por custos adicionais incluídos no prezo da electricidade soportados polas industrias electro-intensivas.
 
 

 

CONFUSIÓN SOBRE O ANISAKIS
 
 

 

A orde do día da sesión plenaria incorporou unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reclama ao Ministerio de Agricultura e Pesca que desenvolva unha estratexia de comunicación para contrarrestar o efecto que está tendo a confusión sobre as medidas adoptadas polas autoridades sanitarias a propósito do parásito do anisakis.
 

 

 

As autoridades sanitarias decidiron o pasado verán aumentar a cinco días a recomendación de conxelar o peixe antes de consumilo para diminuír o risco de infectarse co parásito do anisakis, tras detectarse supostos casos de contaxio en peixe que fora conxelado previamente. Desde o primeiro momento, o sector considerou excesiva esta alarma xerada e a Xunta puxo en marcha unha campaña de promoción do consumo da pescada, unha das especies máis afectadas polo anisakis.
 

 

 

Porén, a alarma social xerada levou aos produtores a reclamar que sexa o Ministerio de Agricultura e Pesca o que desenvolva unha estratexia de comunicación para contrarrestar o efecto que está tendo esta confusión sobre as medidas adoptadas polas autoridades sanitarias ao terse supostamente detectado casos de infección por inxerir peixe.
 
 


O sesión plenaria inclúe, ademais, tres preguntas do Grupo Popular ao Goberno galego. A primeira, para que faga un balance das mudanzas introducidas na política forestal e de prevención e extinción de incendios forestais un ano despois da vaga de lumes de outubro de 2017; a segunda, sobre os programas que desenvolve a Xunta para incrementar o consumo de leite entre os consumidores; e a terceira, sobre os trámites que está a seguir, conxuntamente coa Zona Franca de Vigo, para que o proxecto de construción do primeiro campus de FP cumpra os prazos acordados.

Síguenos nas redes sociais