Puy afirma que Galicia “está medrando e creando emprego, mellorando a educación e a sanidade públicas”

10 Out 2018
Santiago, 9 de outubro de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe no Debate sobre o Estado da Autonomía que “Galicia está medrando e creando emprego, con menos paro que en España, ao tempo que este Goberno galego ten mellorado, pese á crise, a educación e a sanidade públicas”. Así mesmo, salientou que o Presidente da Xunta “cre no seu país, no seu potencial e nas súas institucións, e quere seguilo cambiando para facelo mellor e impulsar reformas substanciais que transforman para ben Galicia”.
 
 

 

Pedro Puy iniciou a súa intervención lembrando os cambios acontecidos desde o último Debate sobre o Estado da Autonomía, tanto a nivel político, como social e económicamente, destacando o pasamento do deputado popular Carlos López Crespo.
 
 

 

PRIORIDADES DO GOBERNO GALEGO
 
 

 

Neste sentido, referiuse aos últimos cambios realizados no Goberno galego “que reflectiron e avanzaron as prioridades do Goberno galego: seguir reforzando o desenvolvemento sostible; impulsando as políticas sociais; facer do binomio cultura-turismo unha grande oportunidade para Galicia coa celebración do vindeiro Xacobeo 2021; reforzando a mobilidade, habitabilidade e conectividade de Galicia; e dando continuidade ás políticas económicas que están a permitir que Galicia medre, cree emprego e o faga de forma máis equilibrada e sostible que no pasado”.
 
 

 

“O PPdeG é un partido reformista, que quere conservar o bo e cambiar o que non funciona”, sinalou o portavoz popular, quen apuntou que “é un partido liberal-conservador democrático que sempre defenderá o respecto á dignidade das persoas, a liberdade e a igualdade, tanto de oportunidades como redistributiva”.
 
 

 

A nivel económico, Pedro Puy salientou que Galicia “foi a comunidade autónoma que máis mellorou o nivel de converxencia en termos de PIB por habitante con respecto á media europea, cando o conxunto de España perdeu tres puntos de converxencia”.
 

 

 

TRABALLO POLA IGUALDADE
 
 

 

O portavoz popular dixo que “Galicia ten nestes momentos uns mellores fundamentos económicos que a economía española, así como un Presidente da Xunta e unha maioría parlamentaria que permiten aprobar as contas públicas no seu prazo, que van seguir apoiando ao consumo e o investimento cunha política fiscal predicible, e que, en definitiva, se manteña a estabilidade económica e orzamentaria”.
 

 

 

Porén, apuntou que “hai motivos para a preocupación, tanto exteriores, a través das guerras proteccionistas iniciadas por EEUU ou o Brexit, a suba do prezo das enerxías ou a posible suba dos tipos de xuro; como interiores, derivados da incerteza política e a inestabilidade do actual Goberno da Nación”.
 
 

 

“Este Goberno traballa pola igualdade, tanto pola de oportunidades, coa educación e a sanidade, como pola redistributiva, coa súa política fiscal e de gasto social”, afirmou o portavoz popular. Neste sentido, asegurou que “faino por convicción ideolóxica, porque cremos na xustiza social e na solidariedade, e porque a redistribución favorece a cohesión e tamén o crecemento económico”. “Pero tamén o fai porque contribúe á normalización da situación política e á estabilidade institucional da nosa democracia”, incidiu.
 
 


Para rematar, Pedro Puy asegurou que o Grupo Popular “comparte o método do diálogo e a procura de consensos proposto polo Presidente da Xunta, tanto cos axentes sociais, co Parlamento, coa Administración do Estado e coa administración local”.

Síguenos nas redes sociais