Feijóo di que Beatriz Mato fará posible “A Coruña imparable” que piden os coruñeses

29 Set 2018

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, dixo esta tarde que Beatriz Mato, de quen destacou o seu  ímpeto, forza de vontade, experiencia e ideas, “é a mellor candidata posible para que o concello da Coruña volva poñerse a andar”. Neste senso, salientou que son moitos os coruñeses que, ao ver a cidade parada, piden máis ca nunca que A Coruña “sexa imparable”: “Os coruñeses piden unha Coruña imparable e, por iso, presentamos a candidata que mellor pode garantilo”.

 

Neste senso, fixo fincapé na sorte de tela ao seu carón en cada un dos seus gobernos: “Foi unha conselleira disposta, enérxica e cunha capacidade pouco común: a de crecerse ante cada desafío que se lle poñía por diante”. “Entrou na Xunta –dixo- coa fama de ser unha política competente e sae dela convertida nunha xestora con experiencia, visión e capacidade”. O presidente do PPdeG sinalou que Beatriz Mato, durante a etapa como responsable da consellería de Traballo e Benestar, adquiriu tres calidades moi positivas e moi pouco comúns: aprendeu a capear as peores tempestades, a xestionar eficazmente nunhas circunstancias que ninguén desexaría e a sacar de debaixo das pedras apoio e comprensión para quen máis o necesitaba. “Como conselleira –engadiu- supliu as estreiteces da crise redobrando as súa capacidade de traballar, de escoitar e de resolver”. Do seu paso pola consellería de Medio Ambiente, destacou que foi quen de saldar unha débeda histórica de Galicia: a de dotala duns instrumentos urbanísticos e paisaxísticos modernos e eficaces: “O que durante décadas estivera no noso debe, Bea situouno no noso haber”.

 

Durante a súa intervención, Feijóo, que avogou por un proxecto de cidade que favoreza o crecemento económico e a creación de emprego e que devolva o orgullo de ser coruñés; dixo que o PPdeG ofrece “experiencia, traballo e capacidade de xestión” para acadar o crecemento e o benestar que a cidade necesita e a “vitalidade, dinamismo e ilusión” para poñer fin á parálise destes tres anos. O presidente dos populares galegos tamén tivo palabras para o “traballo exemplar” do grupo municipal popular e para a súa portavoz Rosa Gallego: “A súa labor de oposición foi e é imprescindible para deseñar o noso futuro programa de goberno”.

 

 

O COMPROMISO DO GOBERNO GALEGO

Apuntou que a Xunta de Galicia mantén a súa responsabilidade de facer unha Coruña mellor e o seu compromiso cos coruñeses. Un compromiso que, tal e como explicou, traduciuse nunha renovación total dos quirófanos do hospital da Coruña; na recuperación da Fábrica de Tabacos para poñela a disposición dos cidadáns como Cidade da Xustiza; na nova pasarela entre Marineda City e o polígono da Grela, que estará en marcha en cuestión de meses; ou no saneamento da ría do Burgo, co novo tanque de tormentas de Santa Cruz e a mellora dos bombeos no Temple e a Pasaxe.

 

Nesta mesma liña, o presidente do PPdeG salientou que o Goberno autonómico seguirá estando pendente das necesidades desta cidade. Así, recordou que A Coruña terá unha nova residencia de maiores, 40 novas vivendas públicas no Ofimático, a conexión da Vía Ártaba coa AP-9, un novo cento de saúde na zona da Falperra, mellores accesos ao polígono de Sabón, un edificio administrativo na antiga delegación de Sanidade e unha estación intermodal en canto o concello o permita.

 

Síguenos nas redes sociais