O Parlamento galego demanda que a Xunta elabore un informe sobre o impacto futuro da automatización no mercado laboral

28 Set 2018
Santiago, 28 de setembro de 2018.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento galego a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se solicita á Xunta que elabore un informe acerca do impacto futuro da automatización no mercado laboral que permita deseñar un plan de adaptación, co obxecto de garantir o emprego de calidade.
 

 

A deputada popular Sandra Vázquez subliñou que “o Goberno galego está sempre do lado do avance, pero sobre todo do lado das persoas”. “A súa actitude é positiva, porque en lugar de competir contra a máquina busca afondar nas oportunidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías para contar cun tecido industrial máis forte e cuns traballadores mellor preparados e con mellores empregos”, manifestou.
 

 

 

A DIXITALIZACIÓN TEN VIDO PARA QUEDARSE
 
 

 

“A dixitalización é unha realidade global que ten vido para quedarse, non só en Galicia senón en todas as economías do mundo”, asegurou Sandra Vázquez. Por este motivo, indicou que “o impulso á transformación dixital do tecido produtivo galego está presente na Axenda Industria 4.0, así como nos programas de formación para o emprego e outros programas da Administración galega”.
 
 

 

Sandra Vázquez sinalou que a Xunta “esfórzase por ofrecer os instrumentos necesarios para que as empresas e o noso capital humano sexan quen de aproveitar ao máximo as oportunidades que toda revolución tecnolóxica representa e saberse adaptar o mellor posible aos cambios”.
 

Síguenos nas redes sociais