O Parlamento demanda que Xunta e Concello de Pontevedra estuden melloras no tramo entre o cemiterio e a ponte medieval de Ponte Sampaio

13 Set 2018

Santiago, 13 de setembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a estudar co Concello de Pontevedra as melloras necesarias na mobilidade, accesibilidade e seguranza viaria na estrada PO-264, entre o cemiterio e a ponte medieval de Ponte Sampaio.

O deputado popular Jacobo Moreira lembrou que, “a pesar de que non está considerado como un tramo de concentración de accidentes, a Xunta realiza inspeccións periódicas co fin de coñecer o estado deste viario para vixiar o estado de conservación e a funcionalidade da estrada que pasa pola ponte medieval”. En concreto, lembrou que a última actuación, motivada polo derribo dun  petril e baldón no pavimento, levouse a cabo hai aproximadamente catro meses.

 

“A contorna da ponte medieval non precisa de ningún proxecto de mantemento ou limpeza”, sinalou Moreira ao representante do BNG, porque “basta con que o Concello de Pontevedra o manteña limpo desbrozando e baleirando as papeleiras que habitualmente están cheas de lixo”. Ademais, demandou que o Concello “colabore para mellorar o espazo de estacionamento de vehículos nesta zona, facilitando o acceso a veciños e usuarios do cemiterio ou visitantes desta ponte medieval”.

Síguenos nas redes sociais