Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado: "A vicepresidenta do Goberno de Sánchez non debería vir a Galicia dar un mitin, senón a pedir perdón"

31 Ago 2018

31, agosto, 2018. O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, asegurou que a vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, “non debería vir a Galicia a dar un mitin, senón a pedir perdón a todos os galegos pola xestión do seu Goberno”.

 

Así se expresaba nunha rolda de prensa na que apuntaba que na súa visita a Galicia desta fin de semana a vicepresidenta ten “o difícil papel de vir a explicarlle aos seus compañeiros socialistas e ao conxunto de galegos a importante lista de agravios que Pedro Sánchez ten cometido coa nosa terra nestes escasos meses que leva ocupando a Moncloa”.

                                                                                              

Nese senso, preguntou se na súa intervención do sábado Calvo explicará aos galegos “por que a primeira medida do seu Executivo foi amagar cun novo retraso na chegada do AVE a Galicia, por que nos queren quitar 200 millóns de euros que son nosos da recadación do IVE, por que o goberno dos decretazos non é capaz de darlle unha solución aos afectados pola explosión de Tui, e por que o Porto de Valencia é máis importante que os portos de Galicia”.

 

Sobre este último punto, o secretario xeral engadiu que non é admisible que, para os socialistas, sexa de maior interese público “un porto que se endebedou para poder recibir regatas e veleiros fronte a outros que se endebedaron para ser máis competitivos economicamente e máis seguros desde un punto de vista medioambiental”.

 

“Desde o primeiro agravio coa nosa terra, levamos dicindo que Pedro Sánchez castiga a Galicia porque é un territorio que non lle é favorable electoralmente aos socialistas e en cada paso que da este Goberno empéñase en darnos a razón co seu desprezo”, subliñou mentres recoñecía que “o que nos entristece fondamente é ver como os socialistas galegos, con Gonzalo Caballero e Javier Losada á cabeza, aplauden entusiasmados cada un dos desplantes que lle fai o Goberno de Sánchez a Galicia”.

 

INICIO DO CURSO POLÍTICO

Miguel Tellado tamén se referiu ao arranque do curso político que o PPdeG celebrará mañá en Cerdedo-Cotobade. “É unha honra para todos nós poder celebrar un evento coma este, no que se dan cita centos de persoas, porque isto demostra que estamos máis ilusionados ca nunca, que temos máis ganas de traballar polos galegos ca nunca e que estamos mellor preparados para os meses que temos por diante ca nunca”, aseverou.

 

Igualmente, admitiu que é unha honra que o presidente nacional dos populares sexa consciente “deste espírito e desta ilusión” xa que para Pablo Casado “o noso partido sempre foi unha referencia, e así o demostrou sempre que tivo ocasión, por iso celebramos que se mostrase interesado desde o primeiro momento en seguir formando parte desta tradición”.

 

A FUXIDA DE ABEL CABALLERO

Por outra banda, Tellado quixo comentar a actuación do alcalde de Vigo en todo o relativo ao accidente acontecido durante a celebración do Marisquiño: “Nas dúas últimas semanas, Abel Caballero comezou calando e cando falou, só falou para mentir e intentar fuxir cara adiante”.

 

“Primeiro dixo que non tiña nada que ver co accidente, despois negoulle a información á oposición e agora que a entregou, queda claro que o seu deber era inspeccionar e autorizar a seguridade do festival. Fíxoo, e fíxoo mal, evidentemente”, lamentou.

 

“Hai tempo que dixemos que Vigo merece un alcalde que se preocupe dos temas importantes para a cidade. Que se preocupe da seguridade, da calidade da auga e dos servizos públicos, non dos Dinosetos e de dar espectáculo facendo de telonero nos concertos e nas verbenas”, concluíu.

Síguenos nas redes sociais