Tellado cre que Galicia "debe protexerse do dano que lle poida facer Pedro Sánchez á economía española"

06 Ago 2018
Santiago, 6 de agosto de 2018. O viceportavoz do grupo popular, Miguel Tellado, asegurou que “Galicia debe seguir coas políticas dos últimos anos para protexernos na medida do posible do dano que lle poida facer o Goberno de Pedro Sánchez á economía española”.
 

 

Por este motivo, de cara ao futuro, Tellado aseverou que os populares seguirán apostando por un modelo de crecemento, de creación de emprego, de xestión responsable das contas públicas, con menos déficit e menos débeda, ademais de continuar traballando por un modelo de baixadas de impostos. “Ese é o camiño do éxito para unha economía, e sabemos que os que queiran tomar o contrario quererán levarnos de cabeza ao fracaso”, advertiu.
 

 

Logo de apuntar que a última semana Galicia recibiu noticias moi positivas para a nosa economía, sinalou que non é casual que a única comunidade con maioría absoluta sexa a que estea ofrecendo estes bos datos, xa que “a economía crece máis canto máis estables sexan as súas institucións”. Así mesmo, recoñeceu que tampouco é unha casualidade que o peor dato económico viñese da man de Pedro Sánchez, co anuncio do recorte de 200 millóns de euros dos galegos cos “pretende pagar favores aos seus socios de moción de censura”.
 

 

“Desde o PP lamentamos profundamente que Sánchez queira castigar a esta terra negándolles 200 millóns de euros que son de todos nós, e que iamos empregar en mellorar a calidade de vida de todos os galegos e galegas, pero aínda lamentamos máis que a única resposta dos socialistas galegos a esta decisión política sexa aplaudir e rirlle as grazas a Pedro Sánchez”, dixo facendo referencia ao delegado do Goberno, Javier Losada, e ao líder do PSdeG, Gonzalo Caballero.
 

 

“Agora podemos comezar a entender por que Caballero non quere ser deputado: seguramente sexa porque non vai ter nada fácil explicarnos por que prefire que os galegos teñamos 200 millóns de euros menos para que Pedro Sánchez llelos dea aos independentistas cataláns”, manifestou.
 

 

MELLORAR A CONDICIÓNS LABORAIS
 
 
Ademais, Miguel Tellado reflexionou sobre o camiño andando nos últimos meses e do que queda por andar nos vindeiros, nas materias de Economía, Emprego e Industria. Nese senso, lembrou que se comezou este curso político tramitando a Lei de Implantación Empresarial, un texto novidoso “co que demos un potente impulso a sectores fundamentais como o eólico ou o forestal, reducimos a burocracia para os novos proxectos e fomentamos o desenvolvemento de parques industriais”.
 


Ademais, tamén avanzou que, como xa fixo ao longo do ano, o Grupo Popular  seguirá presentando iniciativas enfocadas a mellorar as condicións para o emprendemento, a mellorar a calidade de vida dos traballadores, a favorecer aos autónomos ou a reforzar a seguridade no traballo.

Síguenos nas redes sociais