Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Puy salienta que o PPdeG razoa, rende contas e contrasta opinións fronte a formacións que basean a súa estratexia no slogan e a descualificación

29 Xul 2018
Santiago, 29 de xullo de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, criticou hoxe as formacións políticas que basean a súa estratexia “no slogan e a descualificación global do adversario”, fronte a un PPdeG que “entende o debate como unha forma de razoar, explicar, render contas e contrastar opinións”. Respecto do recente congreso nacional do  PP asegurou que o partido “está nun prazo moi breve de tempo renovado e con ilusión para afrontar o futuro”, logo de vivir “un proceso absolutamente natural de relevo no que prevaleceu a integración sobre a división e a confrontación”.
 

 

Nunha entrevista en Radio Nacional, Puy lamentou que nos últimos anos “teño notado unha evolución que non é positiva” no debate político. “Antes non se poñían en cuestións os datos, pero agora asistimos a debates nos que un dato oficial implica unha acusación de mentira pola outra parte”, sinalou. En concreto, indicou que “chégase ao punto de pretender impedir o uso da palabra por alguén que é desautorizado non polo que di, senón polo que representa, o que é negativo para a democracia”.
 

 

RECUPERAR A ECONOMÍA
 

 

Pedro Puy manifestou que esta situación “ten que ver coa crise e coa aparición de novas forzas políticas que seguen aquilo que dicía Bertrand Russell de que discutir sobre algo que non é exacto é máis fácil que facelo sobre algo exacto”.
 

 

Fronte a isto, o Grupo Popular “intenta non entrar nunha polémica de desacreditación xeral das institucións, xustificando o que se fai con datos e dicíndolle a verdade á cidadanía de por que se adoptaron determinadas medidas que sendo dolorosas eran necesarias para a recuperación do país”. “Os datos de recuperación do emprego ou da produción industrial confirman que aquilo que se fixo nun momento determinado permitiu recuperar a economía e moito daquilo que se perdeu coa crise”, asegurou, ao tempo que recoñeceu que “queda moito por recuperar en termos de oportunidades e igualdade”.
 

 

Cuestionado sobre o congreso nacional do PP, Puy explicou que o partido vive “unha fonda renovación obrigada por unha circunstancia imprevista que foi unha moción de censura destrutiva, como o estamos a ver polos últimos acontecementos do Congreso”.
 


O portavoz popular explicou que “todos os procesos congresuais poden frustrar as expectativas dalgunha persoa”, pero salientou que, “en liñas xerais, unha das cousas positivas do novo presidente é que fixo un esforzo de integración: todos os candidatos que competiron con el están presentes na nova dirección, agás a señora Sáenz de Santamaría que terá ocasión de incorporarse no futuro, así como un importante número de persoas que apoiaron ás outras candidaturas”.

 
 
PERSOAS DE CONFIANZA
 

 

“Un presidente ten dereito a rodearse das persoas que máis confianza lle merecen para levar adiante o seu proxecto, e é imposible contentar a todo o mundo”, dixo Pedro Puy, lembrando que “é unha práctica habitual nos partidos políticos democráticos que haxa xente que, mantendo a lealdade, teña unha liña de distanciamento propoñendo unha alternativa”.
 


Respecto da situación na que queda o PPdeG a nivel nacional, Puy asegurou que “sae reforzado porque nese proceso de renovación inclúense a varias persoas, algunhas con postos moi relevantes como a vicesecretaria de comunicación, Marta González; o secretario de Política Territorial, Diego Calvo; ou a secretaria de Emigración, Ana Vázquez”. Ademais,  salientou que o peso político de Feijóo “vai máis aló do propio PP” e “deriva do feito excepcional de que ten revalidado a maioría absoluta en dúas eleccións desde 2009 no peor momento económico e social posible”.

 
 
Puy destacou o traballo desenvolvido na Comisión de Estudo sobre política forestal e incendios forestais e cualificou o ditame como “moi serio”. Neste sentido, dixo que incorpora “medidas tanto na ordenación do monte para permitir combinar a sostenibilidade coa rendibilidade; como modificacións importantes na prevención, que acompañan ás decisións que adoptamos logo dos incendios do mes de outubro en relación coas franxas e a protección das vivendas; e tamén pretende avanzar nun dispositivo de extinción, que se ten demostrado moi eficiente se o comparamos co que está a acontecer nestes momentos en países como Grecia ou Suecia”.
 
 

 

“Confiamos que estas medidas a medio e longo prazo surtan o efecto que todos buscamos, que é un monte sostible, que xere riqueza e que, estando ben ordenado, non sufra a lacra dos incendios, que son un desastre ambiental e económico”, apuntou.
 

 

ACCIÓNS LEGAIS SOBRE O PAZO DE MEIRÁS
 

 

Sobre a situación actual do Pazo de Meirás, o portavoz popular indicou que a Xunta cumpriu o encargo do Parlamento de remitir á Administración do Estado a documentación elaborada pola Comisión de Expertos. “Hai unha clara coincidencia entre os expertos en que é ao Estado, porque foi residencia oficial e fixo gastos e administrou esa propiedade, a quen corresponde emprender as accións legais”, concretou.
 


Para rematar, cuestionado sobre a Valedora do Pobo, Pedro Puy considerou “evidente que a institución ten unha imaxe positiva no conxunto do país”, polo que “o incidente na provisión dunha praza non afecta á credibilidade da institución”. “A oficina do Valedor está a traballar de forma constante en temas importantes, como o demostra a última acción emprendida esta semana respecto dos atascos na AP-9”, sinalou.

Síguenos nas redes sociais