Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado salienta “a receptividade” da oposición ás propostas do PPdeG para o ditame da Comisión de política forestal e loita contra os incendios

23 Xul 2018
Santiago, 23 de xullo de 2018.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, salientou hoxe “a receptividade” da oposición ás propostas e recomendacións formuladas polo PPdeG para o ditame da Comisión de estudo sobre política forestal e loita contra os incendios forestais, polo que “somos optimistas de cara á aprobación, antes de que remate este mes de xullo, do ditame en comisión co maior respaldo parlamentario posible”.
 
 

 

Miguel Tellado explicou que hoxe mesmo os deputados representantes do Grupo Popular na ponencia desta Comisión de estudo, José González e Silvestre José Balseiros, están a manter encontros con todos os grupos da oposición na busca de acordos para o texto definitivo do ditame. Neste sentido, lembrou que mañá remata o prazo de presentación de emendas por parte dos grupos parlamentarios a este documento.
 
 

 

MAN TENDIDA
 
 

 

“Desde o Grupo Popular, mantivemos, mantemos e manteremos a nosa man tendida para chegar a un acordo de país cos grupos da oposición para acabar cos efectos da lacra dos incendios, así como a dinamización do medio rural galego, un medio rural no que deberán de convivir montes ordenados e planificados con actividade agro gandeira que elabore de forma sostible produtos de calidade”, sinalou.
 

 

 

O viceportavoz popular lembrou que a proposta de ditame do PPdeG incorpora 107 recomendacións, “entre as que figuran unha parte importante das propostas realizadas polos grupos da oposición”. En concreto, sinalou que 51 das 96 propostas do Grupo Socialista coinciden coas aportadas polo Grupo Popular; 31 das 51 do BNG tamén se asemellan; e no caso de En Marea 6 das 15 propostas a longo prazo xa están recollidas no texto do PPdeG.
 
 

 

SOMOS TODOS NECESARIOS
 
 

 

Respecto do Congreso nacional do PP celebrado esta fin de semana en Madrid, Tellado afirmou que “o reto que temos por diante é ofrecerlle a todos os españois un proxecto atractivo para as vindeiras eleccións locais, autonómicas, europeas e, finalmente, as eleccións xerais, que previsiblemente se celebrarán en 2020”.
 
 

 

“Para ese reto somos necesarios todos, porque aquí non sobra ninguén e cremos que o novo Presidente nacional entende isto á perfección: integrar e incorporar xente nova para facer un Partido Popular máis grande”, indicou.
 
 


Neste sentido, apuntou que “esta fin de semana abriuse unha nova etapa no Partido Popular, unha etapa de renovación, cun cambio xeracional profundo pero sen renunciar á experiencia dos últimos anos; unha etapa de paixón, de defensa acendida dos nosos valores e dos nosos principios; e unha etapa de ilusión por volver a crecer e a seguir representando á maioría dos españois”.

Síguenos nas redes sociais