Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento galego pide ao Goberno central que ratifique a chegada en probas do AVE a Galicia para 2019

11 Xul 2018

Santiago, 11 de xullo de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que foi transaccionada co Grupo Socialista, a través da que se demanda ao Goberno central que ratifique a data comprometida de finalización das obras do AVE a Galicia, co obxectivo que estea funcionando en probas no ano 2019, tal e como tiña comprometido o anterior Executivo estatal.

Ademais, demanda a creación unha Subcomisión, coa participación dos responsables de infraestruturas da Administración central e da Xunta, que se ocupará da avaliación e impulso das infraestruturas de Galicia e da súa execución orzamentaria, que se sumará a que o novo ministro de Fomento manteña o compromiso do anterior de efectuar visitas de periodicidade trimestral a Galicia con información dos avances das obras.

 

A proposición non de lei recolle que a finalización da alta velocidade entre Madrid e Galicia no prazo comprometido é un obxectivo irrenunciable e prioritario para a nosa Comunidade. Deste xeito, demanda que a Xunta manteña, como veu facendo ata o de agora, o seu labor de vixilancia sobre os investimentos estatais e o cronograma previsto para que o remate desta infraestrutura estratéxica para Galicia se produza no prazo comprometido.

 

Por último, solicita que o novo Goberno socialista realice coa máxima dilixencia e sen retrasos inxustificables os trámites necesarios para o inicio das obras das licitacións pendentes ou en fase previa á adxudicacións.

 

REFORZAR O COMPROMISO

O portavoz de Infraestruturas, Martín Fernández Prado, salientou que esta proposición non de lei ten como obxectivo “reforzar desde o Parlamento galego o compromiso de que unha infraestrutura estratéxica para a competitividade de Galicia se remate nos prazos comprometidos, un obxectivo irrenunciable que todos debemos demandar e apoiar”.

 

Así mesmo, apuntou que “reforzará ao Goberno da Xunta e ao seu Presidente na reunión que manterá o vindeiro 17 de xuño co Presidente do Goberno de España, dado as incertezas xeradas por algunhas declaracións feitas por responsables políticos do Partido Socialista sobre a chegada do AVE a Galicia”.

 

Martín Fernández lembrou que desde o Goberno galego “viuse mantendo unha actitude constante e continua de esixencia e reivindicación ante o Goberno de Mariano Rajoy, que logrou arrincar do Goberno do Estado varios compromisos sobre o cronograma das obras, o impulso das obras pendentes e un labor de seguimento dos traballos”.

 

O portavoz popular referiuse ao informe recentemente presentado polo Goberno galego en relación á situación actual das obras do AVE entre Galicia e Madrid, no que se confirma que as obras teñen un grao de execución por enriba do 80 por cento, o que fai factible que os trens estean funcionando en probas en 2019.

Síguenos nas redes sociais