O Grupo Popular insiste en que a axenda de Galicia “é a mesma co goberno de Sánchez que co de Rajoy”

11 Xul 2018

Santiago, 11 de xullo de 2018. O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, insistiu este mércores no Pleno en que a axenda de Galicia ante o Goberno Central “é exactamente a mesma” con Pedro Sánchez do que era diante do Executivo presidido por Mariano Rajoy, polo que as reivindicacións son idénticas.

Neste senso, quixo recordar que historicamente as demandas do BNG diferiron bastante en base ao partido que ostentase o Goberno en cada momento. “Cando goberna o PP, esixen a transferencia da AP-9; cando gobernaba o PSOE en 2007, votaban en contra da mesma”. Do mesmo xeito, insistiu en que no mandato dos PP non valoraron o aforro de 400 millóns de euros en peaxes na AP-9, mentres que apoiaban ao goberno de Zapatero que decidiu que Galicia pagara peaxes dunha autopista da que non tiña a titularidade.

 

En canto aos investimentos, Tellado afeoulle aos nacionalistas que “o 11 por cento dos orzamentos que consignaban os populares parecíalles pouco, pero cando os socialistas consignaban un 8% parecíalles unha cooperación intelixente”. Do mesmo xeito, lembrou que o BNG criticou os retrasos recentes do AVE, pero “aplaudía a aqueles que mentían sobre a chegada da Alta Velocidade en 2010”.

 

Sobre o anuncio do actual ministro de Fomento, o socialista José Luis Ábalos, dun eventual novo retraso na posta en funcionamento do AVE a Galicia, Tellado lamentou que o PSdeG vaia ser “colaborador necesario” dun novo desprezo á nosa Comunidade. “A fotografía do señor Leiceaga xunto ao ministro Ábalos para buscar escusas é a imaxe da traizón a Galicia”, sentenciou.

Síguenos nas redes sociais