O PPdeG lamenta que os socialistas “estean máis por sacar rédito político que por defender os dereitos e intereses das persoas LGTBI”

11 Xul 2018

Santiago, 11 de xullo de 2018.- A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo criticou hoxe no Parlamento que os socialistas “estean máis por sacar rédito político que por defender os dereitos e intereses das persoas LGTBI”. Neste sentido, lamentou que “cheguen ao punto de defender unha cousa por escrito na proposición non de lei e outra moi diferente cando suben á tribuna do Parlamento”.

Rodríguez-Vispo asegurou que o PPdeG “estamos a favor dunha sociedade aberta, diversa, tolerante, igualitaria e con liberdade de expresión”, polo lamentou que aos socialistas “non lles gusta que esteamos a favor das persoas LGTBI”.

 

APOIO Á INICIATIVA SOCIALISTA

A deputada popular amosou a disposición do seu grupo parlamentario de apoiar integramente a proposición non de lei do Grupo Socialista, proposta que foi rexeitada ao incorporar novas emendas tanto propias como doutros grupos da oposición.

 

En concreto, indicou que “defendemos que se cumpra a lei 2/2014, pola igualdade de trato e non discriminación do colectivo LGTBI en Galicia, así como que se remita ao Parlamento, antes de tres meses, un informe sobre a aplicación desta lei”. “Non hai ningún problema en solicitar este punto, o único que ocorre é que este informe xa foi remitido ao Parlamento o pasado 28 de xuño, incluso antes de cumprir os tres meses que pedían os socialistas na súa iniciativa”, indicou.

 

En terceiro lugar, o Grupo Popular tamén apoia que se consensúe o desenvolvemento da Lei 2/2014, porque “para que as leis perduren no tempo é necesario intentar buscar o consenso máis amplo posible”.

 

ÓRGANO COLEXIADO PARA PERSOAS LGTBI

Marta Rodríguez-Vispo lembrou que a propia secretaria xeral de Igualdade anunciou a semana pasada que Galicia será a terceira comunidade autónoma en contar cun órgano colexiado, consultivo e de participación social en materia de dereitos das persoas LGTBI. “O importante é que este proceso estase levando a cabo a través dun diálogo constante coas asociacións LGTBI e tendo en conta as súas achegas”, engadiu.

 

Así mesmo, salientou que Galicia fora a primeira comunidade autónoma en contar cunha lei que evite a discriminación destas persoas LGTBI e que o Goberno galego xa incluíra unha partida orzamentaria desde 2017 destinada ás organizacións que os representan.

Síguenos nas redes sociais