O PPdeG avoga porque Xunta e axentes forestais e medioambientais cheguen a un acordo en materia laboral

10 Xul 2018

Santiago, 10 de xullo de 2018.- O deputado do Grupo Popular Jacobo Moreira avogou hoxe no Parlamento porque a Xunta continúe negociando coas organizacións sindicais un acordo en materia de condicións de traballo e funcións dos axentes forestais e medioambientais, así como a mellora organizativa e operativa das brigadas de defensa contra os incendios forestais para o período 2018-2020.

Jacobo Moreira lembrou que a Xunta está a negociar neste momento unha nova regulación da prestación de servizos dos axentes que substitúa á contida na Orde do 21 de marzo de 2005, que regulará o seu réxime de prestación de servizos e as compensacións económicas correspondentes.

 

PASE A SEGUNDA ACTIVIDADE

En concreto, indicou que “o borrador de orde de prestación de servizos inclúe expresamente que a xornada anual dos efectivos deste colectivo será idéntica á do restante persoal funcionario da Xunta de Galicia” e prevé “o pagamento dun complemento de produtividade pola intensidade das quendas de traballo de 12 horas durante o período de alto risco de incendios forestais, ademais do pagamento de axudas de custo por manutención durante o mencionado período”.

 

“No acordo proposto, a Xunta tamén se compromete a negociación duns principios de pase á unha situación administrativa especial de segunda actividade para o persoal que teña cumpridos 60 anos e conte cun período mínimo de actividade desenvolto na escala”, apuntou o deputado popular. Esta proposta está pendente de que unha norma con rango de lei estableza a esta situación administrativa especial, dada a condición de funcionarios públicos dos colectivos de axentes forestais e medioambientais.

 

No referente á seguridade laboral, Moreira indicou que “estanse poñendo en marcha procedementos de adaptación de postos como consecuencia da vixilancia da saúde dos empregados, así como avaliación dos equipos de traballo e outras medidas para mellorar as condicións de traballo e elevar o nivel de protección e seguridade e saúde laboral do colectivo”.

 

REFERENTE EN IGUALDADE E CONCILIACIÓN

Jacobo Moreira salientou que a Xunta “é un referente a nivel nacional á hora de poñer en marcha políticas de igualdade e conciliación, das que, tanto os axentes como o resto de colectivos do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, se poden beneficiar”.

 

Para rematar, manifestou que “non hai efectivos adscritos á nova escala que xustifique a creación de postos do grupo B nas relacións de postos de traballo, como tampouco hai previsión de convocar procesos selectivos de acceso por promoción interna á nova escala, dada a baixa porcentaxe de axentes forestais e medioambientais que posúen a titulación necesaria para acceder a ela”.

 

Neste sentido, lembrou que a propia conselleira do Medio Rural anunciou no Parlamento que “a promoción interna levarase a cabo no momento no que o 40 por cento do colectivo obteña a titulación necesaria para poder facela”.

Síguenos nas redes sociais