Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Pedro Puy amosa “a máxima vontade” do Grupo Popular para chegar a un acordo que permita reintegrar o Pazo de Meirás ao dominio público

02 Xul 2018

Santiago, 2 de xullo de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, amosou hoxe “a máxima vontade de chegar a un acordo” cos grupos da oposición respecto da proposición non de lei que pide á Administración do Estado que realice as accións legais que o Informe elaborado pola Comisión de expertos recomenda co obxecto de reintegrar o Pazo de Meirás ao ámbito dos bens de dominio público.

Pedro Puy avanzou que proporá na reunión da Xunta de Portavoces de mañá a inclusión, para o seu debate no Pleno da vindeira semana, da proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se manifesta o apoio explícito do Parlamento ás conclusións incluídas no Informe da Comisión de Expertos nomeada pola Xunta, en cumprimento da resolución do Parlamento de Galicia aprobada o pasado mes de setembro, sobre as posibilidades de incorporar ao Patrimonio Público a propiedade do Pazo de Meirás. Así mesmo, pídese que a Xunta remita urxentemente “tanto ese informe como toda a voluminosa e moi interesante documentación que fundamenta esa devolución ao dominio público”.

 

“Confiamos en que sexa posible acadar un consenso amplo” cos demais grupos parlamentarios, sinalou Pedro Puy, quen avogou porque “todos os grupos asimilemos que estamos ante unha cuestión que afecta á dignidade de moitas persoas e á dignidade histórica de Galicia”. Deste xeito, considerou “bo que non se utilice isto para sacar rédito político a curto prazo”.

 

O portavoz popular indicou que o informe elaborado polo Comité de Expertos acredita que o Pazo de Meirás “é unha residencia oficial, que é un ben demanial onde investiu moitos recursos a Casa Civil do Xefe do Estado, onde as obras de ampliación foron financiadas con diñeiro público con cargo ao Ministerio do Exército e que foi utilizado como residencia oficial durante anos con recepcións a embaixadores, celebración de Consellos de Ministros e outras audiencias oficiais”.

 

DITAME E CONCLUSIÓNS SOBRE POLÍTICA FORESTAL

Así mesmo, Pedro Puy informou que o Grupo Popular vén de solicitar a habilitación dos meses de xullo e agosto para a convocatoria dunha sesión extraordinaria da Comisión de Estudo sobre a política forestal e loita contra os incendios forestais na que se debata e aprobe o proxecto de ditame.

 

“Nestes momentos, o noso poñente nesta Comisión está ultimando o informe do ditame e as conclusións e está traballando para conseguir os máximos acordos nesta materia”, salientou. Deste xeito, indicou que “a nosa predisposición é que haxa o máximo acordo posible e que prevaleza o interese por unha política forestal para mellorar o noso rural e combater a praga de lumes”.

Síguenos nas redes sociais