Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo di que Galicia non permitirá atrasos no AVE, coa "coartada do PSdeG"

01 Xul 2018

01, xullo, 2018. O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, clausurou este domingo o congreso local da formación en Lalín, no que resultou elixido José Crespo como presidente. “Despois dunha carreira tan extensa e frutífera, o común dos mortais tería perdido xa a motivación e estaría buscando un retiro tranquilo, pero Pepe Crespo non é unha persoa común: é un político extraordinario”, salientou.

 

Feijóo referiuse á súa experiencia en política municipal, autonómica e nacional, así como á súa capacidade de escoitar á veciñanza e “entender á perfección o que Lalín necesita”. “Pepe foino practicamente todo en política”: alcalde que transformou Lalín durante 25 anos, presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, secretario de Organización do PPdeG e hoxe defende os intereses da nosa comunidade no Senado.

 

O presidente do PPdeG destacou que “as organizacións que funcionan ben non necesitan dar un xiro radical para afrontar o seu futuro”, polo que este congreso é un exemplo da combinación do “mellor da renovación” –ideas, equipos e ilusión- co “mellor da continuidade” –na experiencia, no arraigo na sociedade lalinesa e no liderado-.

 

Feijóo tamén tivo palabras para “o peso singular” que Lalín tivo na historia do PP de Galicia. Independentemente de que este concello xa non sexa considerado o centro xeográfico da nosa comunidade, o presidente Feijóo referiuse a el como “o quilómetro cero do Partido Popular de Galicia”, por manter unha “vitalidade envidiable” no presente da formación e seguir tendo moito que dicir no seu futuro. “Sairedes cunha forza renovada para seguir sendo o corazón deste gran partido”, dixo.

 

O PARTIDISMO DE PEDRO SÁNCHEZ

O presidente do PPdeG tamén fixo unha “merecida referencia” a Mariano Rajoy, de quen destacou o seu compromiso con Galicia: “Sempre a tivo moi presente na súa actividade como presidente do Goberno”.

 

Neste senso, recordou que para o que realmente serviu a moción de censura foi para reemprazar “un Goberno que nos sacou da peor crise económica da nosa Historia para situar no seu lugar ao Goberno máis débil da España constitucional”. É por iso que salientou que o Partido Popular debe aproveitar o Congreso Extraordinario para cargarse “de ilusión, de proxecto e de razóns para o cambio”. “Porque non teño dúbidas –engadiu Feijóo- de que o Goberno dos xestos e a imaxe de Pedro Sánchez non tardará en decepcionar aos cidadáns”.

 

“Nada me alegraría máis que o executivo de Sánchez demostrase ser útil para España e para o benestar dos españois, pero todo apunta que non vai ser así e que este Goberno só ten un obxectivo: ser útil aos intereses electorais do Partido Socialista”, indicou Feijóo.

 

O presidente dos populares galegos amosou a súa preocupación ante a posibilidade de novos atrasos no AVE galego, que dixo que contan coa “coartada do PSdeG”, e salientou que “Galicia non o permitirá”.  “Se os meses de goberno de Pedro Sánchez van ser tan irresponsables, partidistas e contrarios aos intereses de Galicia como estas primeiras semanas, atoparanse enfronte ao PPdeG e á maioría dos galegos”, sinalou.

 

Para finalizar e coa mirada posta nas próximas municipais, Feijóo salientou que o 2018 é “un ano para escoitar e volver conectar coa xente que nos deixou de votar e coa que nunca nos votou”, porque “se temos éxito na renovación, o 2019 será un ano para gañar”.

Síguenos nas redes sociais