Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O PPdeG demanda ao Estado que realice as accións legais recomendadas pola Comisión de Expertos para reintegrar o Pazo de Meirás ao dominio público

27 Xun 2018

Santiago, 27 de xuño de 2018.- O Grupo Popular vén de rexistrar esta tarde unha proposición non de lei, co obxectivo de que sexa debatida no vindeiro Pleno do Parlamento, a través da que insta á Xunta a remitir urxentemente á Administración Xeral do Estado o informe elaborado pola Comisión de Expertos sobre as posibilidades de incorporar ao patrimonio público o Pazo de Meirás, de xeito que se realicen as accións legais que este documento recomenda para recuperar este ben para o dominio público.

Esta proposición non de lei, asinada polos 41 deputados do Grupo Popular, recolle que a Comisión de Expertos conclúe no seu informe, por unanimidade dos seus integrantes, “que é posible defender en Dereito a adquisición por usucapión da condición de ben de dominio público das Torres de Meirás e a aplicación a este inmoble do réxime xurídico propio dos bens desta natureza, o que, pola súa vez, determina que, en uso da súa lexitimación activa e logo da investigación patrimonial para o efecto e valoración dos datos e documentación mencionados neste informe, a Administración Xeral do Estado poida, no seu caso, exercitar a acción dirixida a reivindicar o ben como demanial e a obter a restitución da súa posesión”.

 

Neste sentido, lembra que o Parlamento galego aprobou no pleno do pasado 26 de setembro de 2017 unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se instaba á Xunta “a realizar un estudo xurídico, en colaboración coas Universidades galegas, para analizar a posibilidade e mecanismos que, respectando a legalidade vixente, permitisen incorporar ao Patrimonio Público a propiedade das Torres de Meirás, tamén coñecidas como Pazo de Meirás, actualmente en mans dos herdeiros legais de Francisco Franco, xefe do Estado Español durante os 40 anos da Ditadura, e sen que a dita incorporación ao Patrimonio Público implique un novo custo para o pobo de Galicia, que xa o asumiu no ano 1938”.

 

GRUPO AMPLO, PLURAL E CUALIFICADO

A Xunta de Galicia, en cumprimento deste mandato parlamentario, constituíu “un grupo amplo, plural e cualificado en materias xurídicas e históricas”, presidido polo catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, Xosé Manoel Núñez Seixas e con representantes das tres universidades galegas; os colexios oficiais de rexistradores da propiedade e de notarios; a Asesoría Xurídica Xeral e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; a Deputación de A Coruña e o Concello de Sada.

 

O Grupo Popular xustificaba aquela proposición non de lei que solicitaba a constitución deste Comité de Expertos para a elaboración dun estudo para reincorporar o Pazo de Meirás ao dominio público en tres motivos principais. En primeiro lugar, nos traballos de investigación histórica que demostraron documentalmente ao longo do tempo que a versión dada pola autoridades franquistas durante a guerra civil e os posteriores 40 anos a falsidade da versión de que o Pazo de Meirás fora unha “ofrenda-doazón” realizada voluntariamente polos galegos a quen en 1938 xa se proclamara Xefe do Estado á marxe da legalidade vixente.

 

PREOCUPACIÓN SOCIAL E OFENSA ÁS VÍTIMAS

En segundo lugar, pola preocupación social que provocou nos últimos tempos o uso que os herdeiros do ditador lle veñen dando ao Pazo de Meirás (mesmo infrinxindo as obrigas legais que lle corresponde a un inmoble declarado ben de interese cultural), os anuncios do que pretendían facer con esta propiedade no futuro (como espazo para “mostrar ao gran público a grandeza da figura de Francisco Franco”), ou, incluso, a súa posible venda.

 

E, en terceiro lugar, porque os feitos historicamente comprobados e as declaracións dos actuais posuidores do Pazo e de membros destacados da Fundación Francisco Franco constitúen unha innecesaria ofensa ás vítimas da ditadura, aos seus familiares, e ao conxunto da sociedade galega. “Unha sociedade que de xeito moi maioritario considera que o vixente período democrático constitúe unha feliz e pactada superación dunha etapa da nosa historia que nunca máis se debería repetir: a guerra civil e a subseguinte longa e opresiva ditadura”, salienta a proposición non de lei.

Síguenos nas redes sociais