Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

A proposición de lei para a transferencia da AP-9 á Xunta supera o trámite en Comisión e queda pendente da aprobación definitiva en Pleno

26 Xun 2018

Santiago, 26 de xuño de 2018.- O Grupo Popular apoiou hoxe na Comisión 2ª a aprobación do ditame da proposición de lei, para remitir ao Congreso dos Deputados, de transferencia da titularidade e competencia da AP-9 á Xunta, de xeito que o texto queda pendente do seu debate definitivo en Pleno. O portavoz de Infraestruturas, Martín Fernández Prado, lamentou que En Marea e BNG se abstiveran de apoiar esta proposición de lei, tendo en conta “a importancia de que a iniciativa chegara ao Congreso dos Deputados respaldada pola unanimidade política do Parlamento galego”.

Fernández Prado afirmou que o PPdeG “seguimos mantendo a mesma postura que defendemos desde o principio, con independencia de quen estea no Goberno central”. “Seguiremos coas mesmas esixencias, intensidade, características e argumentos que defendíamos ante o Goberno do PP, e esperamos que así o fagan o resto dos grupos parlamentarios galegos”, sinalou.

 

Neste sentido, apuntou que estas demandas “diríxense non só á transferencia da AP-9, senón tamén á construción doutras grandes infraestruturas como a chegada do AVE a Galicia en 2019”. “Resultan preocupantes as declaracións realizadas nos últimos días por responsables socialistas galegos e membros do Goberno central respecto da chegada do AVE a Galicia”, sinalou Martín Fernández, quen indicou que “non son momentos de baixar as esixencias” de infraestruturas para Galicia.

 

O portavoz popular lembrou que “esta é a terceira vez que debatemos no Parlamento galego unha proposición de lei solicitando a transferencia a Galicia da AP-9”, pero “nesta ocasión non é consecuencia do cambio de Goberno central, senón pola sentenza do Tribunal Constitucional que ofrece maior capacidade á Mesa do Congreso para rexeitar os vetos que presenta o Goberno central ás proposicións de lei”.

 

Deste xeito, o texto aprobado hoxe pola Comisión 2ª “é o mesmo sobre o que o Parlamento galego xa acadara un acordo unánime, xa que consideramos que é máis fácil de aprobar polo Goberno de España e facilita a súa tramitación pola Mesa do Congreso”.

Síguenos nas redes sociais