Paula Prado pregunta ao Goberno galego se o Concello de Teo trasladou algún informe sobre a planta de tratamento de residuos en Casalonga

22 Xun 2018

Santiago, 22 de xuño de 2018.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, vén de rexistrar unha pregunta no Parlamento de Galicia na que solicita que o Goberno galego informe se o Concello de Teo ten trasladado algún tipo de informe en relación ao proxecto para instalar unha planta de tratamento de residuos en Casalonga. “O proxecto leva oito meses enriba da mesa dos responsables municipais sen que a día de hoxe avanzara na tramitación dos informes que poderían ser a base para paralizar a instalación da planta de tratamento de residuos, ao tempo que ningunea a colaboración entre administracións que lle ten ofrecido a Xunta de Galicia”, indicou.

Paula Prado pon de manifesto “a alarma social que está a xerar entre os veciños a solicitude da empresa Toysal, S.L. para instalar unha planta de tratamento e reciclado de residuos na proximidade dunha zona residencia e a moi poucos metros de espazos de especial protección patrimonial, como o Camiño de Santiago, os castros de Socastro e de Francos, petroglifos, mámoas e outros xacementos medievais”.

 

En concreto, o proxecto presentado consiste na implantación dunha planta de tratamento de residuos non perigosos procedentes da industria agroalimentaria, mediante unha biodixestión e tratamento e concentración dos dixestatos para elaboración de fertilizantes orgánicos. Este proceso produtivo prevé o tratamento de 90.000 toneladas ao ano de residuos que proveñen de lodos de depuradoras, de industrias agroalimentarias, esterco, puríns e outros tipos de residuos industriais.

 

“Esta actividade podería ser susceptible de xerar molestias no entorno, polo que xa se está a producir unha forte contestación social e oposición frontal dos veciños e veciñas dunha zona eminentemente residencial e non industrial nin agrícola, como se demostrou a pasada fin de semana”, indicou Paula Prado.

 

PRONUNCIAMENTO DO CONCELLO

Neste sentido, demandou ao Concello de Teo que “asuma as súas responsabilidades e competencias nesta materia, xa que tivo e ten oportunidade de pronunciarse sobre se admite o proxecto ata en tres ocasións”. En concreto, sinalou que “non nos consta que os responsables municipais responderan ao informe de compatibilidade urbanística que solicitou o promotor do proxecto antes do inicio do procedemento ambiental, documento fundamental porque de resultar negativo daría lugar ao arquivo fulminante do expediente sen outorgamento da autorización”.

 

A viceportavoz popular anotou que o Concello de Teo tamén debe dar a súa resposta á consulta no trámite de participación pública a efectos da avaliación de impacto ambiental, así como elaborar o preceptivo informe preceptivo sobre a adecuación da instalación a todos aqueles aspectos que sexan de competencia municipal.

Síguenos nas redes sociais