O Parlamento galego demanda a creación dun concurso anual para proxectos innovadores en materia agroforestal

21 Xun 2018

Santiago, 21 de xuño de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a establecer a convocatoria anual dun concurso de proxectos en materia agroforestal para poñer en valor aquelas iniciativas que destaquen polo seu carácter innovador. O deputado Moisés Blanco sinalou que esta convocatoria contribuiría “a dar visibilidade e impulso aos proxectos presentados e a xerar condicións favorables para a súa posta en marcha, cun intercambio de coñecementos e conformando un ambiente proclive á innovación e o emprendedorismo”.

Moisés Blanco incidiu que no PPdeG “estamos convencidos que esta ten que ser a lexislatura do rural, e dentro deste ámbito o sector agroforestal como estratéxico da economía galega xa que xera milleiros de postos de traballo e da sustento a moitas familias galegas”.

 

PULO MAIOR

“Consideramos que o sector agroforestal aínda pode e ten que coller un pulo maior, polo que é necesario que se continúen estimulando, impulsando e promovendo proxectos que destaquen polo seu carácter innovador”, indicou.

 

O deputado popular indicou que “tanto a investigación como a innovación atópanse entre os principais motores do crecemento futuro e ocupan un lugar central da Estratexia Europa 2020”. Deste xeito, dixo que “contan con diferentes ferramentas para estimular novas solucións tecnolóxicas, ao tempo que axuda a crear postos de traballo e a aumentar a competitividade das industrias e das pequenas e medianas empresas, así como a mellora da eficiencia e a calidade dos servizos públicos”.  

Síguenos nas redes sociais