O PPdeG salienta a loita da Xunta contra a avispiña do castiñeiro, á que este ano destinará máis de un millón de euros para a solta de 700.000 parásitos

21 Xun 2018

Santiago, 21 de xuño de 2018.- O portavoz do Medio Rural, José González Vázquez, salientou hoxe o traballo que está a desenvolver a Xunta na loita contra a praga da avispiña do castiñeiro, á que este ano destinará máis de un millón de euros para a solta de máis de 700.000 individuos do parásito Torymus sinensis, a única forma coñecida ata o momento para combater o insecto.

José González lembrou que “a Xunta xa iniciou en 2015 a loita contra a praga a avispiña do castiñeiro coa solta de 1.500 individuos de Torymus sinensis, ás que se sumaron 65.500 no 2016 e 133.000 en 2017”.

 

“Para este ano, o Ministerio de Agricultura autorizara unha solta de 1,6 millóns de individuos, pero, dado que se trata dun mercado moi restrinxido e con moitas variables que inflúen na produción, o subministro viuse reducido a 705.000 Torymus sinensis”, indicou.

SEGUIMENTO SEMANAL

O portavoz popular explicou que desde o pasado mes de marzo “estase a realizar un seguimento semanal dos máis de 9.000 puntos previstos e autorizados para a solta de Torymus sinensis, co obxectivo de que a liberalización do parásito se faga no momento máis adecuado para que teña as máximas probabilidades de éxito”.

Así mesmo, González Vázquez apuntou que a Xunta “realiza cada ano un novo inventario da situación e extensión da praga, así como da intensidade da infestación en Galicia, inventario que neste ano xa está feito case nun 80 por cento e que se terminará no mes de novembro cando tiren as follas os castiñeiros”.

Síguenos nas redes sociais