Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento galego pide que se prime ás comunidades de montes que cumpran coas súas obrigas legais

20 Xun 2018

Santiago, 20 de xuño de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a que certifique aquelas comunidades de montes veciñais en man común que estean en cumprimento das súas obrigas legais, especialmente no relativo á aprobación dos seus instrumentos de ordenación ou xestión forestal, de xeito que supoña un criterio puntuable na concesión de axudas públicas e se prime na cesión dos montes veciñais en estado de abandono.

O portavoz do Medio Rural, José González Vázquez, explicou que “a propiedade forestal pública galega representa menos do 3 por cento da superficie forestal total da Comunidade Autónoma, case dez veces menos que a media das comunidades españolas situado no 31 por cento”.

 

523 CON INSTRUMENTOS DE ORDENACIÓN

Así mesmo, apuntou que en Galicia existen 3.069 comunidades de montes, das que só 523 teñen aprobado un instrumento de ordenación para a xestión do seu territorio, cunha superficie de 160.000 hectáreas.

 

“O PPdeG defende as comunidades de montes veciñais que fagan unha xestión axeitada dos seus montes e consideramos que a estas debemos priorizalas na concesión de subvencións e noutras cuestións que sexan do seu interese”, indicou.

 

José González asegurou que “non compartimos a posición de quen, baseándose nunha suposta defensa das comunidades de montes, entende que nos casos de grave abandono non se debe facer absolutamente nada”. Neste sentido, explicou que para estas situacións moi graves a lei prevé, en primeiro lugar, dirixirse á comunidade para que presente un instrumento de ordenación ou xestión forestal para o seu monte. Só no caso de que non se cumpra con esta obriga, e logo da declaración de grave abandono, se acorda a incorporación do monte veciñal ao Banco de Terras, co fin de que este poida ceder o seu uso e aproveitamento nos termos previstos na Lei de mobilidade de terras.

 

UTILIZAR OS INCENDIOS

O portavoz popular tamén fixo unha referencia á Comisión de estudo sobre a política forestal, que está a elaborar o seu ditame, para salientar “a calidade e pluralidade dos 62 comparecentes e dos informes aportados por distintas entidades públicas e privadas, que nos van a permitir ter unhas conclusións e recomendacións á altura da gravidade do problema a resolver”.

 

“Pediría a todos os que participan nesta comisión que realmente pensemos en toda a sociedade galega e non utilicemos os problemas dos incendios e do rural como un instrumento de aproveitamento partidista”, dixo José González, quen apuntou que “temos que ser leais e respectar a tramitación parlamentaria para acadar un acordo de país que blinde o noso monte fronte á lacra dos incendios”.

Síguenos nas redes sociais