Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O PPdeG critica que o BNG pretenda implantar en toda Galicia o plan de compostaxe que en Pontevedra incrementou o lixo enviado a Sogama

19 Xun 2018

Santiago, 19 de xuño de 2018.- O deputado do Grupo Popular Jacobo Moreira criticou hoxe que o BNG “pretenda establecer a nivel de toda Galicia o seu plan de compostaxe cando en Pontevedra, logo de gastar seis millóns de euros e pese a descender a poboación nesta provincia, incrementouse o lixo enviado a Sogama”. Deste xeito, Moreira defendeu que a Xunta continúe o diálogo cos concellos para facilitar a integración das súas iniciativas a prol da compostaxe no marco do Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2020.

Jacobo Moreira lembrou que o proxecto de compostaxe comunitaria impulsado pola Deputación de Pontevedra “non ten solicitado autorización administrativa por considerarse unha operación de xestión de residuos, nin tampouco existe comunicación formal nin solicitude para desenvolver os correspondentes plans locais”.

 

5 DE 61 CONCELLOS

“Ademais, e pese a ser un plan estrela da Deputación pontevedresa, só 5 dos 61 concellos da provincia se teñen adherido á segunda fase desta iniciativa, e agora pretenden no Parlamento que a Xunta estenda a toda Galicia un plan que non queren nin os concellos de Pontevedra”, sinalou.

 

O deputado popular indicou que corresponde ás entidades locais, como servizo obrigatorio, a recollida, o transporte e o tratamento de residuos domésticos, “polo que están lexitimadas para impoñer o sistema de xestión que consideren máis adecuado”.

 

Neste sentido, Moreira avogou porque a Xunta “siga impulsando a compostaxe doméstica da man de Sogama”, e sinalou que esta compañía pública porá en marcha nas súas instalacións de Cerceda unha planta de compostaxe industrial, con capacidade para 15.000 toneladas anuais e prevendo xerar cada ano entre 3.000 e 4.000 toneladas de compost de boa calidade.

Síguenos nas redes sociais