Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento galego demanda á Xunta unha campaña de concienciación contra o furtivismo marisqueiro

15 Xun 2018

Santiago, 15 de xuño de 2018.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a promover unha campaña de concienciación nos areais galegos, especialmente no período estival, que sirva para disuadir e evitar a substracción de recursos marisqueiros das praias.

A deputada Soraya Salorio afirmou que “tanto o Goberno galego como o PPdeG condenamos toda aquela acción de furtivismo e fraude que pon en perigo a saúde do consumidor e que supón un prexuízo económico para os mariscadores profesionais”. “O problema non é de falta de información, senón de concienciación e educación”, apuntou.

 

PROBLEMA QUE IMPLICA A TODA A SOCIEDADE

“O furtivismo é un problema económico, social, sanitario e ambiental, que implica a toda a sociedade, e por iso facemos un chamamento á cidadanía sobre a ilegalidade da extracción de marisco sen permiso de explotación e para que merque os produtos polas canles legais de comercialización”, manifestou.

 

Soraya Salorio explicou que esta nova campaña de concienciación “pretende sensibilizar aos bañistas e á cidadanía en xeral sobre os prexuízos que a actividade furtiva ocasionan para as economías dos profesionais do marisqueo”. Así, recordará que os mariscadores e mariscadoras dedícanse durante todo o ano a cultivar as praias, realizan labores de limpeza dos bancos marisqueiros e levan a cabo quendas de vixilancia. Por este motivo, avogou por “respectar o traballo deste colectivo e erradicar a actividade furtiva, deixando claro que a actividade de apañar marisco sen permiso é ilegal”.

 

TRABALLO DO SERVIZO DE GARDACOSTAS

Na súa intervención, a deputada popular salientou tamén o traballo que realiza o Servizo de Gardacostas, a través das inspeccións rutinarias diarias e os operativos conxuntos cos corpos e forzas de seguridade do Estado e cos gardapescas das confrarías. “Queremos enxalzar a súa implicación na loita contra o furtivismo e agradecer ao seu persoal o importante labor que realiza para atallar esta problemática”, dixo.

 

“Tampouco podemos esquecer o grave problema e risco para a saúde pública que pode supoñer o marisco que non pasa polo proceso de depuración”, indicou. Neste sentido, lembrou que “o consumo de marisco fóra das canles legais pode provocar serios riscos de intoxicación, así como activar alertas nos moitos países aos que se exportan os produtos galegos, poñendo en entredito o prestixio da industria galega”.

Síguenos nas redes sociais