O PPdeG considera “imprescindible que o Goberno galego sexa o máis estrito posible no cumprimento da normativa co proxecto da mina de Touro”

11 Xun 2018

Santiago, 11 de xuño de 2018. A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, considerou hoxe “imprescindible que o Goberno galego sexa o máis estrito posible no cumprimento das diferentes normativas” respecto do proxecto da mina de Touro, “co obxectivo de que non quede ningunha dúbida por parte dos veciños ou entidades que poidan estar preocupados”. Neste sentido, esixiu “responsabilidade” aos grupos da oposición, xa que este proxecto mineiro “está pendente de 15 informes técnicos e dunha declaración de impacto ambiental” que analizarán se cumpre estritamente a legalidade.

 

Paula Prado afirmou que “respectamos as opinións e valoracións das entidades e persoas que participaron onte na manifestación en contra do proxecto da mina de Touro”, pero manifestou que “a tramitación administrativa deste proxecto debe levarse adiante por seguridade xurídica e porque vivimos nun Estado de Dereito”. “Pedimos á Xunta rigor, seriedade e que se cumpra estritamente a legalidade vixente para ter unha minería dinámica, renovadora, sustentable e xeradora de emprego”, indicou.

 

Na súa intervención, a viceportavoz popular lembrou que o pasado mes de marzo “aprobamos no Parlamento unha proposición non de lei, co único voto a favor do PPdeG, a través da que pedíamos que a Xunta avalíe as consecuencias e circunstancias deste proxecto desde o total garantismo legal e o rigor na execución do procedemento, de forma que se salvagarde o total respecto ao contorno, o estrito cumprimento da legalidade vixente e se dote das garantías urbanísticas, medioambientais e técnicas”.

 

Prado transmitiu unha “mensaxe de tranquilidade fronte ao alarmismo que se pretende difundir desde outras formacións políticas ou organizacións”. Neste sentido, demandou en concreto ao portavoz de En Marea que “non envelene á situación nin á poboación coas súas declaracións, xa que este proxecto está pendente de 15 informes e dunha declaración de impacto ambiental que serán realizados por técnicos, non por políticos”.

 

“Estamos abertos a calquera proxecto que supoña a  xeración de postos de traballo e mellora para a economía galega”, sinalou Paula Prado, quen apuntou que este proxecto deberá respectar “unha lei galega do ano 2008, aprobada na época do Goberno bipartito por socialistas e nacionalistas, que a defendían dicindo que a minería era un sector que xeraba emprego, actividade económica e valor engadido a o PIB”.

 

AXUDAS PARA AFECTADOS DE TUI

A viceportavoz popular tamén informou que os deputados do  Grupo Popular analizaron na reunión celebrada esta mañá a situación dos afectados en Tui logo da explosión dun almacén ilegal de material pirotécnico. Neste sentido, subliñou a rapidez da Xunta na aprobación dunha convocatoria de axudas extraordinarias por 7,5 millóns de euros tanto para a reconstrución de vivendas, como a rehabilitación ou o realoxo temporal dos afectados. Así mesmo, destacou as xestións realizadas co Goberno central para a declaración como zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil.

 

Fronte a esta medida inmediata da Xunta, Prado criticou que “a Deputación de Pontevedra non puxo nin un euro máis do que xa tiña comprometido co Concello de Tui a través do Plan de Concellos”, polo que demandou que “se comprometa cos veciños e faga unha aportación extraordinaria para unha situación extraordinaria”. “Se a Deputación non pode asumir ningún tipo de responsabilidade nin axuda ao concello nesta situación extraordinaria, o mellor que pode facer é botar a chave, pechar á Deputación e dedicarse a outra cousa”, manifestou.

 

CUSTODIA COMPARTIDA

Por último, respecto da iniciativa lexislativa popular de corresponsabilidade parenteral ou de custodia compartida e logo do informe da Comisión Mixta de Dereito Civil de Galicia no que se considera que Galicia non ten competencias nesta materia, Paula Prado anunciou que o Grupo Popular presentará unha proposición non de lei instando ao Goberno central para que lexisle e regule sobre esta materia, ao tempo que demandará a mellora dos instrumentos e recursos de apoio á tutela a través da Lei de Familia e Menores de Galicia.

 

“Hai que ser responsables e non podemos xerar falsas expectativas ás familias que están esperando unha regulación sobre custodia compartida que dentro de tres ou catro anos se podería declarar a súa inconstitucionalidade”, sinalou.

Síguenos nas redes sociais