Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Grupo Popular demandará no Pleno que o Concello de Santiago inicie a redacción do proxecto de accesos á nova estación de autobuses

29 Mai 2018

Santiago, 29 de maio de 2018. O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana que a Xunta, de xeito paralelo ao investimento público en tecnoloxía sanitaria, fomente e acolla todas aquelas accións de mecenado que redunden nunha mellora do servizo ao paciente. Así mesmo, solicitará ao Concello de Santiago que inicie o antes posible a redacción do proxecto de accesos á nova estación de autobuses, ao tempo que a Xunta culmine os trámites administrativos para iniciar as obras desta estación á maior brevidade posible.

 

Á saída da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a orde do día da sesión plenaria incorpora a comparecencia do conselleiro de Política Social para dar conta das medidas que a Xunta está a impulsar de apoio ás familias e á conciliación.

 

MECENADO SANITARIO

Por parte do Grupo Popular, defenderá unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a fomentar e acoller, de xeito complementario ao investimento público en tecnoloxía sanitaria, todas aquelas accións de mecenado que supoñan melloras na atención aos pacientes galegos. Neste sentido, Puy lembrou dous exemplos desta colaboración realizados en Galicia: a doazón de 17 millóns de euros por parte do empresario Amancio Ortega para a adquisición de tecnoloxía de diagnóstico e tratamento do cancro; e a campaña de micromecenado realizada polo grupo ONCOMET, dirixido polo oncólogo Rafael López, para o desenvolvemento da técnica coñecida como biopsia líquida.

 

A segunda das proposicións non de lei incluídas polo Grupo Popular na sesión plenaria da vindeira semana ten que ver coa posta en marcha da estación intermodal en Santiago de Compostela. En concreto, demándase ao Concello que inicie, o antes posible, a redacción do proxecto de accesos a esta estación desde a rúa Clara Campoamor, así como que a Xunta culmine os trámites administrativos para o inicio das obras e a súa execución nos prazos comprometidos.

 

No apartado de preguntas ao Goberno, o Grupo Popular cuestionará aos conselleiros sobre os resultados do decreto de garantía de tempos máximos de espera no acceso ás prestacións sanitarias públicas; e as medidas que vai adoptar a Xunta para axudar ás persoas que viron danadas as súas vivendas pola explosión rexistrada en Tui o pasado mércores 23 de maio.

Síguenos nas redes sociais