O Parlamento galego insta á Xunta a intensificar a vixilancia contra o furtivismo na pesca e o marisqueo

14 Mai 2018


Santiago, 11 de maio de 2018. O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se demanda que a Xunta de Galicia intensifique os labores de vixilancia contra o furtivismo na pesca e o marisqueo a través de inspeccións en puntos de venda e en establecementos de hostalería, especialmente nos eidos da comercialización e da restauración e coincidindo con datas festivas nas cales os produtos acadan maior prezo no mercado.

 

 


A deputada popular Teresa Egerique manifestou que “o furtivismo constitúe unha lacra que vai máis alá do prexuízo económico que esta acción ilícita significa para quen vive legalmente do marisqueo e para menoscabo dos seus ingresos”. “A maiores disto, danan a boa imaxe dos nosos produtos, xa que os extraídos sen as debidas garantías suplantan a súa valía e desprestixian o bo traballo de moitos profesionais do mar e da cadea mar-industria”, apuntou.

 


DEMANDA COMERCIAL

 


Neste sentido, sinalou que “desde a Xunta son plenamente conscientes de que a cadea que fornece a actividade extractiva ilícita funciona grazas a que existe unha  demanda comercial destes produtos, polo que é tan importante desalentar a propia extracción coma a súa compra e consumo de xeito ilegal”.

 


Teresa Egerique lembrou que “para paliar o furtivismo son moitas as medidas adoptadas polo Goberno galego, que van desde a tipificación como delito do furtivismo reincidente en 2015 ata as campañas de sensibilización social por unha pesca sustentable”.

 

“Outra accións primordial é a que realizan os gardacostas de Galicia, moitas veces en colaboración con outros corpos e forzas de seguridade, na súa labor cotiá de inspección e vixilancia por mar, terra e aire”, destacou a deputada popular.

 

Por este motivo, Egerique considerou “fundamental este tipo de operativos ás portas e durante os períodos vacacionais, momentos nos que nos visitan milleiros de turistas, polo que consideramos necesario que o Goberno galego intensifique os controis, especialmente nos eidos da comercialización e restauración, durante o Nadal, Semana Santa, verán ou nalgunha ponte”.

 

Síguenos nas redes sociais