Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Pedro Puy salienta que o Grupo Popular sexa o único que se interesará no Pleno pola situación da Xustiza

03 Mai 2018

Santiago, 2 de maio de 2018. “Somos o único grupo parlamentario que incorporou á orde do día do Pleno da vindeira semana un asunto relacionado coa situación da Xustiza en Galicia, a pesar de que a oposición copa o 80 por cento dos asuntos que se tratarán na sesión”, afirmou o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, ao remate da Xunta de Portavoces.

 

 

 

Así mesmo, o PPdeG proporá ao Pleno a aprobación dunha proposición non de lei sobre a construción europea e a reforma das políticas financeiras, “que tanto contribuíron ao desenvolvemento de Galicia nas últimas décadas”.

 


A sesión plenaria incorpora, en primeiro lugar, a comparecencia do conselleiro de Facenda para presentar unha avaliación do Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020. Puy lembrou que “algúns consideraron no seu momento moi ambiciosa a previsión de crecemento do 2,5 por cento anual recollido neste Plan”, unha cifra que se está a ver superada polos últimos informes económicos coñecidos a semana pasada, como o do BBVA, que fixa un crecemento da economía galega para este ano do 3 por cento; o do Foro Económico de Galicia, que deu un 3,8 por cento interanual; ou da AIrEF, que fixou un crecemento do 2,9 para 2018. “Son referencias que explican que o Plan Estratéxico pode materializarse porque as perspectivas de crecemento están sendo cumpridas con creces”, apuntou.

 


QUE O PLENO SE PRONUNCIE SOBRE A XUSTIZA

 


O portavoz popular salientou que “somos o único grupo parlamentario que vai permitir o debate e votación no vindeiro Pleno dun asunto relacionado coa mellora dos servizos na Xustiza en Galicia”. “Entendemos que a situación da Xustiza merece que o Pleno se pronuncie, pero os grupos da oposición non incluíron na orde do día nin preguntas ao Presidente, nin ao conselleiro nin interpelación ou proposición non de lei algunha sobre este asunto”, sinalou.

 


Puy lembrou que a Xunta cumpre o acordo aprobado por unanimidade neste Parlamento respecto das demandas do persoal da Administración de Xustiza en Galicia, porque “as últimas ofertas non só recollen o que se pedía, senón que tamén se incorpora unha cláusula pola que se lles garante cobrar sempre por enriba da media de España”. 

 


Así mesmo, reiterou que “boto de menos que a oposición se pronuncie sobre os feitos que sucederon o día da votación” e remitiuse “ás declaracións feitas por algún dos representantes sindicais sobre como transcorreu esa xornada electoral, con ameazas e outras circunstancias que farían que noutro contexto tería sido anulada esa votación”.

 


CONSTRUCIÓN EUROPEA

 


O Grupo Popular tamén incorporou na orde do día do Pleno outra proposición non de lei sobre o proceso de integración europea, para conseguir unha Unión Europea máis estreita, un mercado europeo tan eficiente como equitativo e unhas institucións que enchan plenamente de contido a divisa de Unida na diversidade.

 


Pedro Puy sinalou que na actualidade “estanse a discutir cuestións relevantes como a construción da unión monetaria ou sobre as institucións no ámbito da subsidiariedade e a participación das comunidades en organismos subestatatais que teñen capacidade executiva no proceso de constitución europea”. “É conveniente que o Parlamento de Galicia se pronuncie sobre estas cuestións polo que Galicia se xoga no envite da construción europea e na reforma das políticas financeiras”, manifestou.

 


Dentro do apartado de preguntas, o portavoz popular destacou tamén que o Grupo Popular será o único que se interese polos resultados da viaxe que o Presidente da Xunta está a realizar estes días, xunto a 45 empresarios galego, a México. Ademais, cuestionará ao Goberno galego sobre as campañas de promoción que realiza para o fomento do consumo do peixe e o marisco, especialmente no ámbito escolar; e sobre os recursos e as liñas de actuación da Xunta coas entidades de iniciativa social prestadoras de servizos sociais para o desenvolvemento de programas e actuacións de loita contra a pobreza e a exclusión social en Galicia.

Síguenos nas redes sociais