O GPP solicita a inclusión do Museo do Ferrocarril de Galicia en Monforte na Rede de Museos de Galicia

13 Abr 2018

Santiago, 12 de abril de 2018.- O Grupo Popular vén de rexistrar no Parlamento galego unha proposición non de lei a través da que se solicita á Xunta a impulsar, desde o Padroado da Fundación dos Ferrocarrís de Galicia, a inclusión do Museo do Ferrocarril de Galicia, sito en Monforte de Lemos, na Rede de Museos de Galicia.

 


A deputada popular Julia Rodríguez Barreira salientou que “a inclusión do Museo do Ferrocarril de Galicia na Rede de Museos de Galicia suporía un pulo importante para este centro, que se beneficiaría dos recursos promocionais que proporciona este rede”.


DECLARADO DE INTERESE GALEGO


Julia Rodríguez lembrou que o Museo do Ferrocarril foi declarado de interese galego en xuño de 2001. Xestionado pola Fundación dos Ferrocarrís de Galicia, este centro localizado en Monforte está considerado o terceiro gran museo ferroviario de España en canto a infraestruturas ferroviarias históricas e o primeiro en canto a parque móbil ferroviario restaurado que se mantén operativo.


O Museo conta entre os seus fondos con emblemáticas locomotoras e vagóns; cunha estación de minitrenes; unha rotonda considerada como unha mostra importante do patrimonio industrial español e mesmo europeo; ademais de aparataxe de comunicacións, mostras de traxes e material ferroviario.


“Consideramos necesario que todo este material histórico sexa preservado, posto en valor e divulgado en toda a súa importancia, máxime nunha vila eminentemente ferroviaria e noutrora un dos núcleos ferroviarios máis importantes do país”, salientou a deputada popular.

Síguenos nas redes sociais