Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Grupo Popular reitera a demanda de modificar a Lei de Facendas Locais para que os concellos poidan establecer exencións do IBI ás familias vulnerables

10 Abr 2018

Santiago, 10 de abril de 2018.- A deputada do Grupo Popular, Sandra Vázquez, reiterou hoxe no Parlamento que “a mellor opción para a defensa das familias vulnerables respecto do pago do imposto de bens inmobles é modificar a Lei de facendas locais para permitirlle aos concellos establecer exencións no IBI, e non limitarse ás persoas que teñan vivenda de promoción pública”.

 

 


Sandra Vázquez sinalou que “a Xunta, en coordinación coa Federación Galega de Municipios e Provincias, xa solicitou ao Goberno central esa reforma do artigo 74,2 da Lei de facendas locais, en cumprimento da proposición non de lei aprobada por unanimidade no Pleno deste Parlamento o pasado 23 de novembro”. Esta modificación incluiría unha bonificación potestativa da vivenda habitual de ata un 90 por cento da cota íntegra do IBI a favor das persoas que acrediten unha situación económica de insuficiencia de rendas familiares.

 


“Nós seguimos defendendo o mesmo que aprobamos neste Parlamento no mes de novembro e seguiremos insistindo nesta demanda porque cremos que esa é a solución máis axeitada para as familias máis vulnerables”, manifestou a deputada popular.

 


MAIOR REDUCIÓN DA QUE PIDEN OS SOCIALISTAS

 


Sandra Vázquez criticou a “pouca ambición” da proposición de lei defendida hoxe polos socialistas no Parlamento, xa que “as vivendas de promoción pública en alugamento propiedade da Comunidade galega teñen unha redución na renda moi superior a solicitada nesta iniciativa socialista”.

 


Así mesmo, subliñou que a Xunta “está a facer un importante esforzo tanto para a construción de vivendas de promoción pública como para o seu mantemento, bonificando ademais nun 50 por cento a renda establecida para estas vivendas cun investimento anual superior aos 3,5 millóns de euros”.

 


“Esta actuación reflicte que a prioridade do Goberno galego é protexer aos colectivos vulnerables, facilitando unha vivenda ás familias que corren risco de perdela”, sinalou a deputada popular. En concreto, lembrou medidas implantadas nestes anos, como o programa de realoxo de afectados por execucións hipotecarias, o bono alugueiro social ou o programa de vivendas baleiras.

Síguenos nas redes sociais