Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Pedro Puy cualifica o proxecto de orzamentos do Estado como "bos para os galegos, tanto en materia de política fiscal e de pensións, como do investimento"

08 Abr 2018

Santiago, 8 de abril de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, considerou hoxe como “bos para os galegos o proxecto dos orzamentos xerais do Estado, tanto desde o punto de vista da política fiscal e de pensións, como do investimento. Así mesmo, considerou que a oposición demostra “pouca responsabilidade” a nivel nacional, porque “está utilizando unha difícil situación para acadar maiorías máis para poñer paos nas rodas da maioría que goberna que para buscar alternativas ou condicionar a política que se fai polo partido que está en minoría no Congreso pero ten que gobernar”.

 

 

Nunha entrevista na Cadena SER, Pedro Puy destacou que máis de 500.000 pensionistas galegos vanse ver beneficiados da suba que recolle o proxecto de orzamentos do Estado para 2018, así como as persoas con rendas baixas que tamén se beneficiarán das rebaixas do imposto da renda.

 


Respecto do investimento que recollen os orzamentos para Galicia, o portavoz popular dixo que “tampouco son malos, porque estamos por enriba da media”. Neste sentido, precisou que “iso se debe a que se está a facer unha grande infraestrutura, xunto con outras en materia de autoestradas que se están a anunciar e contribuirán a que a mobilidade en Galicia teña a medio e longo prazo pouco máis por rematar”.

 


Por este motivo, manifestou que o investimento do Estado en Galicia “hai que velo a longo prazo” e apuntou que “é moi redistributivo, xa que ten reforzada a capacidade de competir dos territorios que teñen menos renda que a media”. “En Galicia están facéndose unhas obras importantes como o AVE, co horizonte de telo rematado para 2019, polo que seguimos a ter un investimento superior á media, pero é probable que cando esta infraestrutura remate e comecen a facerse noutras comunidades que non teñen AVE ou van por detrás, probablemente noutros anos notarase máis alí o investimento”, dixo.

 


CONVENCIÓN PARA REFORZAR IDEAS

 


Pedro Puy afirmou que a convención nacional que o Partido Popular celebra esta fin de semana en Sevilla permitirá falar “de cousas importantes, como o financiamento autonómico, o crecemento económico, a equidade do sistema fiscal e outras cuestións que van facer que a convención sexa boa, máis aló do que tamén significa a nivel interno de reforzar as ideas en común”.

 


O portavoz popular asegurou que “sería un certo fracaso de todos se houbese un proceso electoral novo” e sinalou que “agora toca apoiar ao Presidente do Goberno, tanto os que estamos no Partido Popular como incluso os grupos que están na oposición en determinadas cuestións de Estado”. “Deberían  de deixar política a curto prazo pensando que mañá vai haber eleccións, cando é evidente que non as vai haber, e tratar de avanzar na resolución de algúns dos problemas que precisamente canto máis tempo pase se van facer máis difíciles de resolver para quen goberne no futuro tamén”, indicou.

 


Respecto da polémica arredor do máster da  presidenta da Comunidade de Madrid, Cristina Cifuentes, manifestou que “hai  dous procedementos en marcha: un primeiro xudicial, que esperemos bote un pouco de claridade á cuestión; e unha comisión de investigación a nivel político”. “Confío que entre a investigación política e a investigación xudicial se aclaren as cuestións, co que todos poderemos decidir que é o que se debe recomendar que se faga neste caso”, sinalou.

 


Porén, lamentou que,  “tendo en conta todos os problemas que afronta España en todos os sentidos neste momento, o país sexa capaz de estar falando unha semana dunha cuestión que en termos de transcendencia política e na vida das persoas é relativamente menor”.

 


Para rematar, cuestionado sobre o futuro de Alberto Núñez Feijóo, Pedro Puy lembrou que “o propio Presidente ten plantexado en diversas ocasións que o seu horizonte é rematar esta lexislatura, que aínda non ten chegado ao seu ecuador”.

Síguenos nas redes sociais