Pedro Puy avanza que o Pleno da vindeira semana debaterá a aprobación definitiva da modificación da Lei de Saúde de Galicia

12 Mar 2018

Santiago, 12 de marzo de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou hoxe que o Pleno da vindeira semana acollerá o debate para a súa aprobación definitiva da modificación da Lei de saúde de Galicia, que blinda a existencia dos hospitais comarcais e achega a atención sanitaria aos cidadáns.

 

 


Unha vez rematado o debate en ponencia e comisión coa aprobación do ditame, Pedro Puy sinalou que o texto lexislativo de modificación da Lei de saúde está en condicións de proceder ao seu debate en sesión plenaria. “Entendemos que esta lei vai permitir mellorar o sistema sanitario, coa creación dos 14 distritos sanitarios, que se enumeran no propio texto lexislativo para garantir a súa pervivencia no tempo”, apuntou.

 


MÁIS SERVIZOS E MELLOR ATENCIÓN

 


Puy salientou que os hospitais comarcais están recibindo novos servizos e que esta forma de organización sanitaria, herdada da creación das estruturas de xestión integrada, “estase conseguindo unha mellor atención especializada nos hospitais comarcais, evitando nos últimos anos o desprazamento de máis de 260.000 pacientes cara aos grandes hospitais”.

 


O portavoz popular afirmou que a lei, logo do trámite parlamentario, potencia a participación na sanidade por parte do sector. Neste sentido, referiuse aos acordos para que a Secretaría Xeral de Igualdade estea representada nos Consellos de Saúde; a creación dunha comisión conxunta de control entre a Consellería de Sanidade e a Axencia de Innovación para avaliar os contratos, convenios e colaboracións no eido da investigación sanitaria; ou para a determinación regulamentaria da estrutura e funcións dos órganos de dirección e xestión das áreas sanitarias.

 


TODOS XUNTOS POLA IGUALDADE DE XÉNERO

 


Cuestionado sobre as mobilizacións do pasado 8 de marzo, Pedro Puy manifestou que en materia de igualdade de xénero “debemos ir todos xuntos, recoñecendo que hai cousas que se fan e outras nas que hai que continuar avanzando, porque se imos enfrontarnos negando as evidencias ou non recoñecendo as necesidades que hai que atender, a sociedade non vai sacar nada en limpo”.

 

O portavoz popular garantiu que o Partido Popular está implicado en “camiñar cara unha igualdade real”. Neste sentido, lembrou os acordos parlamentarios acadados o pasado ano en relación coa igualdade e a violencia de xénero, entre os que figuraba a separación de vítimas e agresores nos xulgados; así como a proposición non de lei aprobada na sesión  plenaria da pasada semana, con medidas dirixidas á coeducación, a conciliación laboral e familiar, ou á loita contra a fenda salarial.

 


Neste ámbito, Puy informou que o Grupo Popular continúa traballando neste eido e xa ten rexistrado novas iniciativas en materia de igualdade, demandando as reformas legais oportunas para que a Xunta poda defender os dereitos das vítimas de violencia de xénero e exercer a acción penal nos xuízos por delitos de discriminación derivada ou por razón da situación familiar consecuencia da maternidade da muller.

 


“É un tema que preocupa ao Goberno galego, e mostra disto é que o orzamento para a loita contra a violencia de xénero pasou de 2,4 a 5,4 millóns de euros entre os anos 2009 e 2017, ao tempo que entrou en vigor a extensión a un ano completo para o pago de axudas periódicas a vítimas de violencia de xénero; ou a prioridade para as vítimas no acceso a escolas infantís, vivendas de aluguer ou plans de emprego”, indicou.

 


Deste xeito, apuntou que “imos seguir avanzando e chegando a acordos para atender as peticións razoables tanto das vítimas como da Administración de Xustiza”.

Síguenos nas redes sociais