Feijóo: “Non deixedes de debater e de defender en público aquilo no que credes porque intentar convencer con argumentos é facer política”

11 Mar 2018

Santiago, 11 de marzo de 2018.- O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, clausurou esta mañá o II Torneo de Debate do PPdeG, onde pediu aos participantes que non deixen nunca de debater e de defender en público aquilo no que creen. “Sexa no bar, na casa, no salón de plenos, no Parlamento ou nun torneo coma este, intentar convencer aos demais cos argumentos e con razóns é facer política”, salientou.

 

Acompañado polo vicesecretario de Acción Municipal e presidente local, AgustínHernández, e pola vicesecretaria de Estudos e Programas do PP, Andrea Levy, manifestou que nestes tempos de populismo e eslógans de consumo rápido, que haxa 50 persoas dispostas a mergullarse nun tema de actualidade, a coñecelo en profundidade e a argumentar sobre el “devólvenos a todos a confianza na política”.

 

 

Feijóo cualificou aos participantes como “50 valentes” aínda que asegurou que hai moitos máis afiliados do PPdeG interesados no intercambio de argumentos, na retórica e na oratoria; insistindo tamén na necesidade de abrir o partido á sociedade. “Actividades como esta son un paso nesa dirección”, engadiu.

 

 

“Entre o público e os xuíces vexo caras coñecidas, outras que me queren sonar e outras que xamais vin, pero iso demostra que este é un partido coas portas e ventás abertas”, dixo antes de explicar que para participar neste torneo “non se lle pediu a ninguén o seu carné, só ganas e ilusión”.

 

 

Así, mentres outros partidos xamais convidarían aos seus actos a cidadáns sen antes pedirlles a súa filiación partidista, Feijóo puxo en valor que os populares “estamos encantados de facelo e sentímonos privilexiados de que aceptasen o noso convite”.

Do mesmo xeito, o presidente incidiu na importancia de que as persoas que se dediquen á vida pública estean ben formadas, facendo fincapé en que o que hoxe celebraban “é ante todo unha actividade de formación que busca mellorar a maneira na que articulamos e transmitimos as nosas ideas”.

 

 

Nese senso, tamén agradeceu a presenza de Andrea Levy, que éa responsable da área de formación do partido a nivel estatal e que se interesou por esta iniciativa desde o momento en que soubo que existía, así como se comprometeu a ampliala e levala ao nivel nacional. Ademais, lembrou que a vicesecretaria de Estudos e Programas do PP vén de Cataluña, polo que coñece ben a importancia do diálogo e do debate cordial e respectuoso, e sabe que cando se perde rómpese un dos piares da nosa sociedade democrática.

 

 

“O IMPORTANTE É O RESULTADO”
O líder dos populares galegos tamén se referiu ás sondaxes de opinión publicadas no día de hoxe por algún medio de comunicación, e criticou que haxa líderes “que as empregan para aumentar a súa vaidade, e iso é algo que nunca vos debería pasar a vós”, aconselloulle aos participantes.

 

 

“Finalmente, malia o que digan as enquisas, o que importa é o resultado final”, sentenciou, lembrando que durante moitos meses as estimacións colocaban a algunhas formacións como máis votadas a nivel estatal, e hoxe xa as sitúan na cuarta posición.

Síguenos nas redes sociais