Feijóo pide seguir reivindicando a participación activa e leal das comunidades no proceso de construción europea

09 Mar 2018

Valencia, 9 de marzo de 2018.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou esta mañá que é necesario seguir reivindicando a participación activa e leal das comunidades no proceso de construción europea.

 

Durante a súa intervención nas xornadas que organiza o Grupo parlamentario do PP Europeo remarcou que a política autonómica non se pode disociar da política europea e que estes 32 anos exerceron unha decisiva influencia transformadora en Galicia, salientando que a descentralización dalgúns países non lograron fragmentar Europa, senón ao contrario: “reforzaron a Unión”.

 

DEFENSA DA ESTABILIDADE
Feijóo lembrou que entre os valores fundacionais da Unión ocupa un lugar moi especial a defensa da estabilidade, recoñecendo que “xamais podemos dar por feito o obxectivo de manter unha Europa estable, responsable e democrática”.

 

Así mesmo, apuntou que a recesión económica rachou a confianza dos europeos nas súas institucións e que sería irreal afirmar que saímos indemnes pero, “grazas á unidade e á responsabilidade de todos, conseguimos amortecer as consecuencias destas acometidas”.


Nese senso, lamentou que un dos golpes ao proceso de construción europea proveu dalgúns dirixentes de Cataluña, indicando que non é casualidade que, cando Carles Puigdemont comprobou que ningún país europeo daba cobertura ao seu desafío separatista, orientase as súas críticas cara á UE. “O expresidente catalán é plenamente consciente de que, nunha Europa forte, xamais poderá ter éxito no seu intento de dividir a sociedade catalá e debilitar a democracia española”, subliñou.

IMPORTANCIA DA COHESIÓN
Feijóo tamén fixo fincapé en que as rexións están a traballar para lograr unha Europa máis unida e forte para o que é preciso seguir apostando pola cohesión entre territorios, engadindo que, agora que se fan escoitar propostas populistas, nacionalistas e radicais, “debemos defender con máis forza que nunca a vixencia de Europa como proposta e como resposta”.

 

Deste xeito, admitiu que unidos poderase seguir optando ao liderado mundial en materia de innovación, continuar apostando por unha agricultura e gandaría modernas, eficientes e sustentables; e consolidarnos como potencia pesqueira, superando así os desafíos que entraña o Brexit.

 

Así, e malia que son moitos os que desexan que a Unión Europea se debilite, Feijóo apostou por seguir defendendo sen complexos unha Europa estable, próspera e integradora; continuar traballando por unha Europa orientada a reducir as desigualdades entre os seus membros; e proseguir reivindicando que a historia da Unión Europea é ante todo unha historia de éxito.

 

GALICIA CONTRINÚE Á INNOVACIÓN
Durante o seu discurso, Feijóo tamén fixo referencia á importancia da innovación, destacando o obxectivo de lograr en 2020 un investimento en I+D+i do 3% do PIB, algo para o que Galicia está a facer importantes esforzos ata o punto de que “convertemos a innovación nunha prioridade rexional”.

 

Sobre isto, o presidente tamén puxo en valor que duplicamos o volume de fondos conseguidos neste primeiros catro anos de Horizon 2020, os proxectos dos investigadores galegos conseguiron atraer fondos europeos por un valor de 66,4 millóns de euros desde 2014 e aumentouse a cota de proxectos con participación galega que lideran os nosos científicos.

 

A innovación tamén se converteu no motor fundamental de moitos ámbitos da nosa economía e a sociedade e, nese sentido, Feijóo lembrou que en sanidade impulsáronse avances como a receita ou a historia clínica electrónica, ademais de técnicas de hospitalización experimental e a domicilio en hospitais galegos; en enerxía, estase a impulsar en Ourense un ecobarrio pioneiro e acabaranse de aprobar unhas novas Directrices Enerxéticas que nos permitirán seguir consolidando unha economía máis sustentable; na industria, estamos a apoiar a implantación da fábrica intelixente e mobilizamos preto de 1.000 millóns no marco da Estratexia de especialización intelixente RIS3; e en contratación pública, Galicia é líder a nivel español en Compra Pública Innovadora.

Síguenos nas redes sociais