Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento aproba, a instancia do GPP e coa abstención da oposición, demandar á Xunta diversas actuacións para avanzar na igualdade de xénero

08 Mar 2018

Santiago, 7 de marzo de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei do Grupo Popular, coa abstención de En Marea, PSOE e BNG, a través da que se demanda á Xunta diversas actuacións para avanzar na igualdade de xénero. Porén, a viceportavoz Paula Prado criticou que “a oposición rexeitaran a proposta realizada polo PPdeG, que recollía as liñas xerais das catro proposicións non de lei dos grupos parlamentarios, para acadar un acordo conxunto sobre políticas de igualdade entre homes e mulleres”.

 


 

En concreto, a proposición non de lei aprobada no Pleno demanda á Xunta afondar na transformación dos valores que reproducen a desigualdade e incidindo nas vantaxes sociais da conciliación corresponsable; ao tempo que propón eliminar as mensaxes e imaxes que reproduzan estereotipos de xénero. Así mesmo, pídese avanzar na coeducación para eliminar roles e estereotipos que perpetúan a desigualdade na asunción de responsabilidades familiares e domésticas por parte de mulleres e homes, ademais de implantar medidas de conciliación e de flexibilización do tempo de traballo e a racionalización de horarios.

 


CONCILIACIÓN

 


Outros puntos da iniciativas refírense á consolidación dun sistema de apoios á conciliación dirixidos á atención á infancia, ao coidado de persoas maiores, con discapacidade e en situación de emerxencia; e tamén intensificar a labor da Inspección de Traballo e Seguridade Social contra a fenda salarial e pola igualdade efectiva no traballo.

 


“Esta iniciativa incide nas causas da fenda salarial entre homes e mulleres, vai á raíz do problema, que son as diferenzas na corresponsabilidade no fogar, que é o que leva ás mulleres a ter menos posibilidades de acceso ao emprego”, explicou Paula Prado.

 


Finalmente, o Grupo Popular tamén apoiou un dos puntos da proposición non de lei de En Marea, en concreto o que solicita ao Goberno central o impulso dunha Lei de Igualdade retributiva entre homes e mulleres.

 


MELLOR PACTAR QUE CONFRONTAR

 


Paula Prado criticou a negativa dos grupos da oposición para chegar a un acordo porque “coa igualdade é mellor pactar que confrontar”. Neste sentido, lembrou que “iniciamos esta lexislatura pactando unha serie de medidas que considerábamos importantes para incluír no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, á que se sumou a moción a través da que pedimos ao Goberno de España a aprobación dunha Lei de igualdade retributiva, que nestes momentos estase a debater no Congreso”.

Síguenos nas redes sociais