O GPP demanda tranquilidade á oposición para comprobar o funcionamento do novo horario do servizo de hemodinámica en Ourense e Lugo

28 Feb 2018

Santiago, 28 de febreiro de 2018.- A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo demandou hoxe aos grupos da oposición “tranquilidade para comprobar o funcionamento do novo horario ata as 22 horas do servizo de hemodinámica no Complexo Hospitalario de Ourense e no Hospital Lucus Augusti de Lugo, porque, se os expertos aconsellan a necesidade de poñelo en marcha as 24 horas, o PPdeG será o primeiro en esixilo”.

 

 


Rodríguez-Vispo lembrou que o conselleiro de Sanidade anunciou no Pleno da pasada semana a ampliación do horario ata as 22 horas das salas de hemodinámica de Lugo e de Ourense para diminuír os tempos de atención no infarto agudo de miorcardio entre o diagnóstico e a apertura da arteria responsable do infarto.

 


EN BASE ÁS RECOMENDACIÓNS DA COMISIÓN

 


“Esta medida adoptouse en base ás recomendacións propostas pola Comisión de seguimento do Rexistro galego de infarto agudo de miocardio, unha comisión de expertos que seguirá celebrando reunións para comprobar se este novo horario é suficiente ou é necesario incrementalo”, sinalou a deputada.

 


Deste xeito, Marta Rodríguez-Vispo demandou á oposición que “deixen traballar á xente que sabe desta cuestión e non causen alarmas inxustificadas entre os galegos con demandas que non se sustentan en criterios técnicos razoables e só buscan desprestixiar a atención sanitaria que reciben os galegos”.

Síguenos nas redes sociais