O GPP rexeita a folga do 8 de marzo porque aposta polo enfrontamento e é elitista, insolidaria e irresponsable

21 Feb 2018

Santiago, 21 de febreiro de 2018.- “Desde o Grupo Popular rexeitamos a folga convocada para o vindeiro 8 de marzo porque aposta polo enfrontamento entre mulleres e homes; por ser elitista e insolidaria; e porque é irresponsable”, explicou hoxe no Parlamento a viceportavoz popular, Paula Prado. Neste sentido, apuntou que “nós seguiremos reivindicando a igualdade de oportunidades e facendo propostas en positivo que melloren a situación das mulleres”.

 

 


En concreto, Paula Prado sinalou que desde o PPdeG “impulsaremos medidas concretas para o acceso ao emprego en igualdade; o fortalecemento do movemento asociativo, especialmente no rural; a posta en marcha de novos recursos de conciliación da vida persoal e laboral; a intensificación da labor da Inspección de Traballo e Seguridade Social, co fin de evitar a fenda salarial e pola igualdade efectiva no traballo; e a posibilidade de que a Xunta exerza a acusación particular nos delitos de discriminación consecuencia da maternidade da muller”.

 


“Aos responsables políticos, a cidadanía non nos esixe que nos solidaricemos cos seus problemas, senón que poñamos en marcha medidas para resolvelos”, manifestou.

 


A viceportavoz popular explicou que a folga convocada para o vindeiro 8 de marzo “aposta polo enfrontamento entre mulleres e homes”, ante o que asegurou que “só alcanzaremos a igualdade dende a unidade e a corresponsabilidade de mulleres e homes”.

 


“Semella que o obxectivo desta folga é defender o feminismo atacando ao capitalismo, obviando a limitación de dereitos que sofren as mulleres en moitísimos países, como Cuba, Corea do Sur, Venezuela, Afganistán ou na República de China, que cun goberno comunista é un dos países nos que máis se discrimina ás mulleres”, sinalou.

 


Así mesmo, engadiu que “é unha folga elitista e insolidaria, tanto coas mulleres autónomas que teñen un negocio e non poden pechar como coas mulleres que coidan de maiores e que si elas non fan o seu traballo ninguén o fará por elas”.

 


RECURSOS PARA ATENDER ÁS MULLERES

 


Por último, Prado cualificou de “frivolidade e irresponsabilidade trasladar a unha folga xeral a violencia de xénero, sobre todo tralo acordo maioritario das forzas políticas, administracións públicas e asociacións de mulleres no Pacto de Estado contra a violencia de xénero alcanzado hai uns meses, e ao que Galicia sumouse cunha proposta de medidas aprobada por unanimidade de todos os grupos que formamos parte deste Parlamento”.

 


“Non se pode poñer en risco o que supuxo meses de traballo e xenerosidade por parte de todos, para dar unha mensaxe de unidade e confianza ás mulleres que sofren violencia machista”, dixo Paula Prado, do mesmo xeito que considerou “unha irresponsabilidade trasladar constantemente a mensaxe de que non hai recursos para atender ás mulleres que sofren violencia de xénero”.

Síguenos nas redes sociais