César Fernández critica que a oposición fale de masificación no ensino galego cando Galicia ten ratios alumno/profesor e alumno/aula máis baixos que a media española

08 Feb 2018

Santiago, 8 de febreiro de 2018.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, César Fernández Gil, criticou hoxe que a oposición “estea a falar de masificación no ensino galego, cando a Galicia ten ratios de alumno/profesor e alumno/aula máis baixos que a media de España”.

 


En concreto, Fernández Gil explicou que a ratio alumno/profesor en Galicia é de 10,5, fronte ao 12,5 da media española. Así mesmo, a ratio alumno/aula en educación infantil na Comunidade galega é de 17,2, fronte ao 18,5 en España; en ensino primario, do 19,5 fronte ao 21,9; en ESO, do 20,5 fronte ao 25,2; e en bacharelato, do 23,9 fronte ao 26,6.

 


CUMPRINDO A LEXISLACIÓN VIXENTE

 


“Galicia cumpre a lexislación vixente en materia de alumnos por profesor e por aula”, asegurou o portavoz popular. Neste sentido, indicou que estas ratios máximas de alumnado para cada etapa educativa “téñense en conta para o normal desenvolvemento dos procesos de admisión de alumnado en centros sostidos con fondos públicos”.

 


César Fernández engadiu que a Consellería “estuda cada ano a situación das unidades e postos docentes coa finalidade de adaptar a organización dos centros ás efectivas necesidades da poboación a escolarizar”. Nesta valoración, téñense en conta tanto o alumnado xa escolarizado e que ten dereito á permanencia no centro, como o que se incorpora ao sistema, as necesidades específicas de apoio educativo, o alumnado que se prevé que repetirá de curso ou a situación demográfica e socioeconómica da zona na que se sitúa o centro educativo.

Síguenos nas redes sociais