Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Aprobado o plan de traballo da Comisión de Estudo da política forestal, con 65 comparecentes e 47 solicitudes de documentación

27 Dec 2017

A Comisión de Estudo das reformas da política forestal e dos incendios forestais aprobou hoxe o seu Plan de Traballo, que incorpora a comparecencia de 65 persoas ou entidades, das que 41 formaban parte das propostas realizadas polos grupos da oposición; así como 47 solicitudes de documentación, das que 32 figuraban nas propostas de Plan de Traballo feitas pola oposición.

O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, José González, criticou que os grupos da oposición decidiran finalmente rexeitar este Plan de Traballo “coa única escusa de que non se incorpora a comparecencia do Vicepresidente da Xunta, a pesar de que este membro do Goberno xa compareceu neste mes de decembro no Pleno do Parlamento para informar sobre o traballo das emerxencias durante a vaga de incendios e formular propostas para a mellora deste servizo”.

 

ESCUSA DA AUSENCIA DO VICEPRESIDENTE

 

José González subliñou que neste ámbito das emerxencias o Plan de Traballo incorpora a comparecencia tanto do director xeral de Emerxencias e Interior como do xerente da Axencia  Galega de Emerxencias, co que se entende que xa está perfectamente representado na Comisión.

 

Na busca de consenso para a aprobación deste Plan de Traballo, González chegou a aceptar nun receso da Comisión a práctica totalidade das solicitudes de comparecencias e informes realizadas polos grupos da oposición, que finalmente se negaron a apoiar o Plan de Traballo pola ausencia do Vicepresidente do Goberno galego no  listado definitivo.

 

O portavoz popular manifestou que “a total disposición do Grupo Popular para acadar o máximo acordo sobre este Plan de Traballo chocou coa negativa premeditada dos grupos da oposición a apoiar este plan, a pesar do que se aceptou desde o primeiro momento, incorporando 27 dos seus comparecentes e 19 solicitudes de documentación”.

 

INCORPORACIÓNS DA OPOSICIÓN

 

Neste sentido, explicou que a proposta de Plan de Traballo do Grupo Popular “era un punto de partida, no que recollendo comparecencias e informes dos diferentes ámbitos relacionados co noso monte, debíase enriquecer coas achegas dos grupos da oposición”.

 

“Con este ánimo estivemos negociando ao longo do día de onte e de hoxe, ata o remate da Comisión, pero lamentamos que a oposición estea a buscar máis o ataque ao Goberno galego que a solución dos problemas reais dos galegos e, neste caso, no futuro dun monte galego multifuncional, vivo e dinámico, sustentable e rendible economicamente”, engadiu.

Síguenos nas redes sociais