Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento galego insta á Xunta a dotar de modo progresivo de aseos adaptados para pacientes ostomizados

20 Dec 2017

Santiago, 20 de decembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se demanda á Xunta a dotar de modo progresivo de aseos adaptados para pacientes ostomizados en todos os seus edificios, ao tempo que fomente que no resto de infraestruturas, tanto públicas como privadas, se poidan dispoñer deste tipo de baños.

 


Así mesmo, na proposición non de lei solicítase ao Goberno de España que realice as actuacións normativas que procedan para incorporar ao Código Técnico da Edificación a obriga de dotar aos edificios públicos de baños adaptados para pacientes ostomizados.

 


ATENCIÓN CONTINUADA

 


A deputada popular Encarna Amigo explicou que a ostomía “é unha técnica que comunica o intestino a través da parede abdominal co exterior mediante un dispositivo ou bolsa de recolección para facilitar a evacuación do contido intestinal cando isto, por razóns médicas secundarias a enfermidade ou a un traumatismo, non se pode facer pola vía habitual”.

 


Neste sentido, concretou que, segundo os datos da Sociedade Española de Enfermería Experta en Estomaterapia, en España existen 70.000 pacientes ostomizados e en Galicia contabilízanse arredor de 5.000. Ademais, cada ano xéranse ó redor de 15.000 novos casos en toda España.

 


“O estoma supón para o paciente un forte impacto emocional, porque repercute na súa imaxe persoal, na vida laboral, social, familiar e na propia capacidade funcional”, indicou a deputada popular. Por este motivo, apuntou que “resulta esencial a prestación dunha atención continuada no tempo por parte dos distintos profesionais, para que así os pacientes poidan afianzar o seu espazo na sociedade e fortalecer a formación e información entre profesionais, coidadores e pacientes”.

 


GALICIA, PRIMEIRA COMUNIDADE

 


Encarna Amigo salientou que “Galicia foi a primeira comunidade autónoma en poñer baños adaptados a disposición dos pacientes ostomizados, dando resposta ao que precisan para poder baleirar as súas bolsas sen complicacións, con seguridade e hixiene”.

 


En concreto, dixo que o Hospital de Montecelo conta desde o pasado mes de febreiro co primeiro aseo adaptado para estes pacientes e na actualidade xa ten un segundo aseo destas características. Ademais, no mes de xuño instalouse un aseo para ostomizados no Complexo Hospitalario de Ourense, ao que se sumaron nos últimos meses os outros hospitais galegos.

Síguenos nas redes sociais