Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O GPP considera que establecer novas obrigas normativas sobre o uso do galego podería favorecer o efecto contrario ao desexado

19 Dec 2017

Santiago, 19 de decembro de 2017.- O portavoz de Cultura do Grupo Popular, César Fernández Gil, afirmou hoxe no debate no Pleno do Parlamento da iniciativa lexislativa popular de medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico que “o establecemento de novas obrigas pola vía normativa, coa correspondente posibilidade de infraccións e sancións e a necesidade de incorrer en novos custos que non todas as empresas estarían en condicións de asumir, podería favorecer o efecto contrario ao desexado e entender como unha obriga formal a utilización do galego”.

 


César Fernández lembrou que o Plan de dinamización da lingua galega no tecido socioeconómico 2016-2020 ten como unha das súas directrices fortalecer o galego no ámbito económico. En concreto, este plan estrúturase a través de tres obxectivos estratéxicos: crear conciencia de que o uso do galego favorece os resultados económicos; estender o uso da lingua no ámbito económico, nas relacións laborais comerciais e empresariais; e utilizar o idioma para impulsar unha imaxe de marca diferencial propia de Galicia.

 


“Ademais, a Lei 1/2015, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración garante que todas as persoas usuarias dos servizos públicos autonómicos, con independencia da modalidade na que se presten, teñen dereito a utilizar e ser atendidas, segundo a súa escolla, na lingua galega ou castelá nas súas relacións orais ou escritas co prestador do servizo”, subliñou. Para estes efectos, adoptaranse as medidas organizativas do servizo necesarias para a garantía deste dereito, ao tempo que se recoñece que o galego será a lingua de uso preferente en todas as actividades relacionadas coa organización e prestación dos servizos públicos.

 


EQUILIBRAR OS DEREITOS

 


César Fernández afirmou que “nas relacións mercantís e comerciais hai que equilibrar os dereitos dos consumidores e usuarios coa existencia das dúas linguas oficiais, a capacidade e recursos de cada empresa ou profesional, e a liberdade de cada empresa”. Deste xeito, indicou que “débese apostar por apoiar o uso do galego a través dun enfoque de estímulo e fomento, por respectar os dereitos dos consumidores e usuarios e tamén por preservar a liberdade de todos para empregar a lingua que desexen, sempre dentro da igualdade e considerando a cooficialidade das linguas”.

 


“Consideramos fulcral seguir avanzando no fomento e no impulso do uso do galego en tódolos planos da vida pública, tal e como encomenda o mandato estatutario”, salientou o portavoz popular, quen manifestou que “temos un contexto normativo que garante os dereitos lingüísticos da cidadanía”.

Síguenos nas redes sociais