Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento aproba a Lei de medidas que acompañan aos orzamentos, na que se consensúan cuestións fundamentais para o futuro forestal de Galicia

19 Dec 2017

Santiago, 19 de decembro de 2017.- O Parlamento galego aprobou esta tarde a Lei de medidas fiscais e administrativas que acompañan aos orzamentos da Xunta para 2018. A viceportavoz popular, Paula Prado, salientou as transaccións acordadas para a modificación da Lei de prevención e defensa dos incendios forestais e felicitouse “porque fomos quen de consensuar cuestións fundamentais para o futuro forestal de Galicia”.


 

Paula Prado centrou a súa intervención nas emendas presentadas polos grupos parlamentarios ao artigo 15 da Lei de medidas, dirixido á modificación da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais. Neste sentido, lembrou que “as nosas emendas recollían as propostas realizadas polo Presidente da Xunta na súa comparecencia no Parlamento do pasado mes de outubro sobre a vaga de lumes”.

 


“Houbo un alto grao de consenso entre os grupos parlamentarios sobre a idoneidade das medidas que se introducen”, indicou a viceportavoz popular. En concreto, sinalou que o BNG presentara 15 emendas, das que se transaccionaron 13; o PSOE presentara 10, das que 5 foron incorporadas; e En Marea formulara 7 emendas e se transaccionaron 6.

 


AMPLA COINCIDENCIA

 


Prado explicou que a ampla coincidencia entre as emendas presentadas polo Grupo Popular e o BNG responde a que os deputados nacionalistas fixeron un copia e pega das propostas que o vicepresiente da Xunta e a conselleira do Medio Rural trasladaron á directiva da Fegamp o 15 de novembro. “26 das 29 emendas rexistradas polo BNG referidas á política forestal son exactamente o mesmo texto que a Xunta entregou á Fegamp, polo que practicamente coinciden na súa integridade coas rexistradas polo Grupo Popular coas propostas avanzadas polo Presidente da Xunta”, sinalou.

 


Deste xeito, e de cara á Comisión de estudo sobre política forestal, a viceportavoz popular demandou aos grupos da oposición que “se centren e concreten o modelo de política forestal que queren, porque será importante para chegar a acordos”. “Temos claro que coinciden con nós en moitas cousas e non pasa nada por recoñecelo. Deixen de intentar aparentar que temos modelos moi diferentes porque a proba máis evidente de que están de acordo co noso modelo son as emendas presentadas a esta Lei”, indicou.

 


A Lei de medidas incorpora, ademais, a emisión de distintivos da actividade de arrendamento de vehículos con condutor, atendendo ás reclamacións maioritarias do sector. O Grupo Popular considera conveniente mellorar a sinalización dos vehículos destinados á prestación de servizos de alugueiro con condutor, co fin de facilitar a clarificación das dúas categorías de servizos de transporte de vehículos de turismo: a prestada mediante taxis e a desenvolta mediante vehículos de arrendamento con condutor.

Síguenos nas redes sociais