Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Pedro Puy afirma que os orzamentos da Xunta para 2018 "responden ás necesidades de Galicia e son coherentes para cumprir o que recollemos no programa electoral"

19 Dec 2017

Santiago, 19 de decembro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que “apoiamos a aprobación dos orzamentos da Xunta para 2018 porque responden ás necesidades de Galicia e son coherentes para cumprir o que recollemos no noso programa electoral”.

 

 

 

“Galicia cre na sostenibilidade baseada no crecemento, priorizando o gasto social e impulsando a creación de emprego, tanto a través da formación como do apoio á internacionalización, o I+D+I e os autónomos”, sinalou.


Pedro Puy sinalou que foi un “diálogo frutífero” a tramitación destes orzamentos, que ascenden a 9.487 millóns de euros, cun incremento do 3,7 por cento respecto ao 2017. “Trátase duns orzamentos máis sostibles, sociais e con moito máis investimento, para unha economía mellor e sa”, apuntou.

 


MAIOR ESFORZO INVESTIDOR

 


Na súa intervención, Puy salientou que “Galicia é a segunda comunidade española con maior esforzo investidor durante a crise”, cunhas prioridades de gasto centradas na sanidade, a educación, a acción social, a promoción do emprego e o I+D+I.

 


O portavoz popular considerou como “frecuente” que non se acepten emendas da oposición, “do mesmo xeito que acontece en concellos nos que gobernan e tamén se aproban orzamentos sen aceptar emenda algunha do PPdeG”. Porén, salientou que “nós aceptamos emendas que melloran as contas, como a ampliación das partidas destinadas ás bolsas de estudantes ou para axudar aos que sufriron a vaga de incendios deste ano.

 


“Ademais, levamos anos rexeitando as mesmas emendas da oposición, como a proposta de creación dunha Oficina de control orzamentario no Parlamento, cando desde 2015 estas funcións están delegadas no Consello de Contas; a regulación para mellorar o control e a transparencia das colaboracións público-privadas, que foi blindada en 2013 a través da Lei de racionalización; ou a suba do imposto do patrimonio, que xa foi acordado cos socialistas en 2013”.

 


Pedro Puy sinalou que “tamén é imposible que aceptemos emendas que piden reducir os cánons de demanda ou as partidas de gasto corrente; ou quitarlle ingresos aos entes públicos, pero sen retirarlles os gastos correspondentes”.


PRIORIDADES MARCADAS NO PLAN ESTRATÉXICO

 


“Este orzamento responde ás prioridades marcadas no Plan Estratéxico de Galicia, como o impulso á innovación, o fomento do emprendemento e a internacionalización, a dinamización demográfica, e a cohesión territorial”, apuntou. Deste xeito, sinalou que “rexeitar este proxecto de orzamentos suporía mudar substancialmente esa planificación marcada e caer nunha improvisación que este goberno non vai facer”.

 


Para rematar, Pedro Puy manifestou que os orzamentos “recollen as nosas prioridades políticas e son coherentes co programa electoral do PPdeG, poñendo recursos para rebaixas fiscais selectivas; a estratexia para os autónomos; a intermodalidade no transporte e o impulso das sendas peonís e ciclistas; saneamento das rías; extensión da teleasistencia e da hospitalización a domicilio; apostando pola formación profesional; o reforzo da atención á dependencia; o incremento dos fondos para loitar contra a violencia machista; ou a incorporación da mocidade ás actividades agrarias e pesqueiras.

 


“Están estas grandes prioridades, pero tamén outras anunciadas durante a campaña electoral, como a nova Facultade de Medicina de Santiago; a conexión da Vía Ártabra e a AP-9; o inicio da reforma integral do Hospital de Ferrol e do Gran Montecelo en Pontevedra; a reconversión do Hospital Xeral na Cidade da Xustiza de Vigo; as conexións viarias do polígono de San Cibrao na área de Ourense; ou os fondos para distintos proxectos formulados para a zona da Residencia en Lugo”, concretou Puy.

Síguenos nas redes sociais