Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Pedro Puy salienta que o pleno aprobará, por terceiro ano consecutivo, uns orzamentos expansivos da Xunta de Galicia

18 Dec 2017

Santiago, 18 de decembro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe que o Parlamento galego aprobará mañá, “por terceiro ano consecutivo, uns orzamentos expansivos da Xunta de Galicia, dotados con 9487 millóns de euros de gasto non financeiro que poderemos dedicar a gasto social e a máis investimento produtivo, ao tempo que mantemos unha presión fiscal progresiva pero máis reducida”.

 


Pedro Puy lembrou que mañá celebrarase o Pleno do Parlamento para o debate e aprobación dos orzamentos da Xunta para 2018, co que “chegamos en prazo e se demostra a vantaxe de estar nunha situación de estabilidade política”. Neste sentido, subliñou que esta situación permitiu ao  Goberno galego “presentar nun mesmo ano dous orzamentos e dúas leis que os acompañan, ao tempo que se fixo unha ampliación do gasto a metade do exercicio”.

 


Máis en concreto, o portavoz popular sinalou que os orzamentos para 2018 “teñen como principal obxectivo manter o compromiso social da Xunta e impulsar a creación de emprego dinamizando os sectores estratéxicos, neste ano cun esforzo particular en innovación, desenvolvemento e investigación”.

 


AMPLOS ACORDOS SOBRE PREVENCIÓN INCENDIOS

 


A continuación do pleno extraordinario para o debate e aprobación dos orzamentos, dará comezo o pleno ordinario, no que se procederá, en primeiro lugar, ao debate da Lei de acompañamento. Neste sentido, Puy destacou que “este ano ten como principal novidade “os amplos acordos acadados en relación co artigo 15 da Lei referido á capacidade das administracións públicas de previr lumes en fincas de propietarios descoñecidos ou abandonadas”.

 


Así, destacou que nesa reforma da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia, o Grupo Popular pactou co BNG 13 das súas 15 emendas, 5 das 10 presentadas polo PSOE e 6 das 7 de En Marea.

 


Outro dos debates lexislativos que se celebrarán nesta sesión plenaria será sobre o proxecto de Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas, “que dará unha maior seguridade tanto nos grandes eventos como nas verbenas populares”. Para rematar o apartado lexislativo, debaterase unha iniciativa lexislativa popular en relación co uso do galego na esfera económica.

 


SUPRESIÓN PEAXE AP-9

 


Pedro Puy tamén se referiu ás dúas proposicións non de lei que o Grupo Popular defenderá neste Pleno ordinario. A primeira vai dirixida a que no seo da Comisión Mixta se estuden posibles fórmulas para suprimir a peaxe de Rande no tramo Vigo-Redondela, en condicións de uso equiparables ao tramo comprendido entre Vigo e o Morrazo. Esta proposición non de lei incorpora, ademais, que se analice a viabilidade da apertura dunha saída na parroquia de Chapela; a construción dunha escola infantil na coñecida como Finca da Ginaria de Redondela; a instalación de pantallas antirruído nas obras de ampliación da AP-9; ou a mellora das condicións de seguridade viaria, accesibilidade e mobilidade peonil.

 


A segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo que a Xunta dote, dun xeito progresivo, de aseos adaptados para pacientes ostomizados en todos os seus edificios, fomentando ao mesmo tempo que todas as infraestruturas, tanto públicas como privadas, dispoñan deste tipo de baños. Ademais, demándase que o Goberno central realice as actuacións normativas pertinentes para que o Código Técnico de Edificación incorpore a obriga de dotar aos edificios públicos de baños adaptados para estes pacientes

 


Pedro Puy explicou que con esta sesión plenaria “rematamos o período de sesións no que a plenos se refire, un período de moito traballo parlamentario ao coincidir o Debate sobre o Estado da Autonomía, a tramitación dos orzamentos e outras cuestións perentorias como a comparecencia do Presidente sobre a vaga de lumes”.

Síguenos nas redes sociais